luns, 6 de marzo de 2023

Luns emotivo. Si puidera elexir.

 
     Foto das Casas do Xaral.
 
Se me desen a elixir,
dubidaría claro.
Nunca unha persoa dá un paso ben
sen dar dous en falso
en cuestións de amor.

Por iso, quizá, se puidese elixir,
volvería o tempo.
Sentaríame a mirar ese primeiro encontro
e o momento exacto
onde se esborrallou a primeira risa.

Observaría tal vez,
a nosa primeira pelexa,
e de novo, por primeira vez,
a cara que se che pon cando anoxada,
quéreste rir.

Volvería por suposto á primeira reconciliación. 
Ao primeiro abrazo que nos acougou o peito aos dous.
Ao primeiro pranto compartido,
e a sosterte entón,
aínda máis forte.

Se puidese quizá,
convenceríame de soltar máis gargalladas neses chistes
que só a ti fanche graza.
E volveríache a dicir que a beleza que se che pinta cada día
é un golpe baixo para calquera que te poida cruzar.

Se me desen a elixir,
deteríame a revivir cada momento nos que, sen tocarme,
abrazáchesme.
Nos que soubeches darme
o que ninguén máis me soubo dar.

Só se me desen a elixir
entendería que a sorte
se puxo do meu lado
o mesmo día que te coñecín.
Dubidaría, claro.

Preguntaríame
como é de rebuscada a vida 
de encaixarte en varios lados
sabendo que anda por aí,  
a túa outra metade.

Volvería a cuestionar unha e mil veces
a quen lle estarei debendo isto que sen buscalo gañeino.
E poñeríame o escudo adiante,
porque din amor,
que todo nesta vida se paga.

E se a min me veñen cobrar
a débeda de terte, de elixirte, e de ser feliz, 
sei que o que debo é grande,
e moito máis do que algunha vez
poida pagar.
 
                            Paula Lancone.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario