sábado, 23 de maio de 2020

1948. Na Taberna do Marelo


Foto do Barrio da Pínguela sacada desde o Campo da Escola. (Cedida polo Dario do Requeixo).
 
   Proliferaban, non era difícil encontrar en cada parroquia varias tabernas, sinxelas pero acolledoras. Era o lugar de encontro entra a mozidade cando tocaba divertirse, en contadas ocasións tamén era donde se podía comprar unha cántara de viño; incluso na mesma casa tamén podía haber un "posto de boi", como así era na casa do Carreiras ó Cordal. É certo tamén que se lle podía chamar taberna a unha casa donde che servían un xarro de viño e pouco máis.
   En Labrada recórdase a taberna do Carreiras, no Cordal; a do Eladio do Chiquito, na Fonte Vella e a do Marelo na Fonte Pinguela, esta co tempo pasou da man da Irene e do José para o Campo dos Novos.
   Era o lugar de reunión donde podía acontecer de todo, partindo sempre da trucada alegría que provoca o alcohol, era moi doado encontrarte con conversas de amigos, baraxas, cantigas e algunha pelexa. Un atractivo reclamo de clientela tamén era as mozas solteiras que podía haber na casa donde había taberna. Por sorte na casa do Marcelino de mozas andaban ben, aparte os dous fillos varóns, Pedro e Hipólito; había catro mulleres mozas: Pilar, Isolina Lidia e Irene.
   Como se expón enriba no título, ímos tratar un feito, lutuoso, que aconteceu na taberna do Marelo, feito que abarcou tamén a outras parroquias.
   Era domingo e tamén feira no Viveiró, vinte e tres de maio do ano 1948, xa pola tardiña, comezaban a notarse que a tarde ía esmorecendo; e a mocidade tamén comezaba a achegarse con ánimo as tabernas.
   Pero aquel domingo era distinto. Sabíase que un grupo de homes armados andaban pola parroquia facendose notar a base de deter a xente que ían atopando. Ímos contar o caso conforme nolo contaron veciños de Labrada:
   "Estes homes pasaran por Tronceda en busca de Amadeo Candia xa que parece ser que tiñan algunha conta pendente; o non atopalo na casa supuxeron que iría en Labrada, xa que andaba de mozo coa Rosenda da Casa do Casavella de Currovedo. De camiño para Labrada pasaron por Estelo e atopáronse, ou fixeron por atoparse, con varios veciños de esta barrio, entre eles o somatenista Ermenegildo Cuba. Colléronlle unha escopeta que tiña e fixéronlle acompañalos ata a taberna do Carreiras no Cordal, obrigandoi a transportar as armas que traían. Chegando o Campo de Carreiras atopáronse coa Josefa do Catadoiro, fixérona acompañalos e non lle deixaron irse ata que se foron eles da taberna do Carreiras. Merendaron fora, na eira e tamén na taberna repartiron folletos de propaganda, entre os que alí estaban tamén se encontraba Isidoro Cortiñas, que o arrimaron a porta para intimidalo (contaba que gardou o papel ata chegar a casa por medo a que o visen tiralo). Cóntase que o Domingo e o David tamén lles requisaran as escopetas, que foron devoltas antes de continuar a marcha, ben fartos de todo.
   Subiron polo Camiño Real e antes de chegar a Paraños atoparonse co Camilo Cuba, pouco máis adiante, no Cristo do Chiquito atopáronse coa Marijuana de Xaniño, eles seguían berrando vítores afines a súa ideoloxia (Exercito Guerrilleiro de Galicia), e a pobre Marijuana respostoulles, viva lo que ustedes quieran. Continuaron camiño pasando o lado da casa da escola, donde estaba o mestre don Pepe, que o ver o panorama chamou insistentemente o fillo.
   -- Toñito, Toñito, vente, vente para adentro.
Eles continuaron camiño ata chegar a casa do Marelo, entraron para a taberna e continuaron coa festa.
   O Lozano, Jesús Lozano Ares, era un home natural de Fanoi, do barrio do Celeirote, era zoqueiro, estaba solteiro pero tiña dous fillos coa Aurora de Salgueiro de Montouto, José Antonio e Delfina.
   Era domingo, víspera da festa dos Milagros de Fanoi, e o Lozano veu buscar uns zapatos a Ratoeira a Casa do Requeixo, o Domingo era zapateiro; e despois ía pasar pola casa do Marelo a recoller unha camisa que lla tiña encargada a Pilar, era costureira. O achegarse a taberna para recoller a camisa, escoitou que saía moito barullo de dentro e quedouse fora escoitando. Un dos homes da cuadrilla que vixiaba, viuno, e preguntoulle quen era, respostoulles, tamén lle preguntaron donde servira, e el respostoulles:
-- Na División Azul.
Ahí comezaron a darlle leña, e tamén lle entregaron un panfleto da propaganda do Exercito Guerrilleiro de Galicia, e díxolles:
-- É igual que o agarre ou non, ídesme matar igual.
Según se comenta, o Lozano era un home botado para adiante, quizais en demasía; e pode que fora esa caracteristica a que lle fixo romper o panfleto propagandístico e tiralo o chan. E pode que tamén ese feito fora a sús sentenza.
Seguiron dándolle leña.
   O Lozano decíalle o Marcelino:
-- E déixasme matar, Marcelino.
   Un dos homes que estaba dentro, saiu a decirlles aos que lle estaban pegando que o deixaran, que non lle pegasen máis, a resposta foi:
-- Eino matar, e si non o mato a el, mátote a ti.
   Tamén o Marcelino intentaba interceder e pedíalles que o deixaran, que era un home de ben, foi tanta a crueldade que cando se cansaron de pegarlle, e en vista do estado en que quedaba, o mesmo Lozano pediulles que o mataran, que non o deixaran así.
  Rematárono con tres tiros, no camiño, contra o forno.
   Os dispáronse escoitáronse con claridade.
   A cuadrilla seguiu camiño cara a Paridoiro, atopándose con Jesús Leiro.
A pesar do feito en si e de vir varias patrullas da garda civil, nunca se soupo que se detivera a persoa responsable do asasinato".
   Eu, sospeitando que os responsables do asasinato fose a cuadrilla de Luis Trigo Chao, O Gardarrios, preguntei, e ninguén o afirmou; incluso negaron tal posibilidade, xa que O Gardarrios non mataba de este xeito.
   Jesús Lozano Ares nace o día 12 de outubro do 1916 no barrio do Celeirote, en Fanoi; e morre o día 23 de maio do 1948 en Labrada, no barrio da Fonte Pinguela. Foi enterrado o día 25 do mesmo mes no cemiterio parroquial de Fanoi.
   Esa mesma noite, o Jesús da Angelita foi cortar o pelo xunto do Eugenio, que vivía no barrio da Poza, e alí enterouse do sucedido. Ainda que o Jesús non agarraba medo axiña, de feito fora a guerra; o sucedido asustouno dabondo xa que para voltar para o Barral, ou tiña que vir polo camiño do Sisto ou polo camiño da Albariña. Os dous eran camiño de tránsito, e facilmente te podías atopar con xente. E aquela noite era millor non se atopar con ninguén.
   Despois que lle cortaran o pelo non mostrou ningún interese en marchar, esperando que alguén do Barral viñera  tamén cortar o pelo, para facer o camiño de volta en compaña. Non foi así, quen si chegou foi o Dodolino do Carracedo. O Jesús sinteuse medianamente aliviado, ainda que tiña que cruzar o Alto do Sisto, polo menos un cacho faríanse compaña mutuamente.
   Sairon polo camiño da feira cara a Atalaia, e no momento de despedirse, un ía cara a Xanaz e o outro cara o Barral, o Dodolino invitouno que fora con el ata  máis arriba, e despois xa pillaba o camiño que unía Xanaz e a casa do Tuxo coa igrexa. Asi fixeron. Despois de despedirse o Jesús agarrou o camiño da igrexa e andando e ollando con moito sixilo, todo ramallo lle parecían figuras de homes. Era tal o medo, que baixando polo Sisto non ousou a pasar pola Carballaxiña, e cruzou os prados dirección o Custeiro Cativo e entrou na casa pola porta da aira. Nin cenou nin prendeu o candíl para deitarse.
   Levaba un cachiño xa na cama cando escoitaron unhos golpes ben fortes na porta do curral, pero o Jesús non se moveu da cama. Esperando que se levantaran unha das mulleres, volveron a soar os golpes na porta. Entón asomouse súa irmán Agripina pola ventá. Era a garda civil preguntando pola casa do Manuel do Veiguello, xa que era pedáneo, e como tal tiña que ir ata o lugar do asasinato.
   O Jesús, quizais, descansou máis tranquilo.
   Entendo que aquela noite en moitas casas non se pegou ollo.