domingo, 21 de agosto de 2022

A Ermitas

 

A Ermitas con amor e agradecemento:

Querida Ermitas, 
Como che vai amiguiña, na terra da luz e da paz,
no berce de todos os amores?
Seguro que ben, moi ben,
Deus non é requeno, é espléndido e contigo seguro que tamén o estará sendo.

Matinando en ti, no teu nome, Ermitas,
viñéronseme á cabeza cousas que quero compartir contigo.
Xa sabes que Ermitas, é coma quen di Ermida, e Ermida é unha capela,
como por exemplo a capela do San Antonio do Outeiro,
que tanto coñeciches e visitaches.
As Ermidas ou capelas aldeáns están case sempre algo apartadas, soas, 
de cando en vez son visitadas polos veciños,
son espazos sagrados,
porque alí se achegaba a xente desexando verse libre dos seus pesares diarios.
E Deus escoitaba, vaia se escoitaba.
Deus e a xente intercambiaban amores e servizos.
 
 E mira ti, Ermitas,
que dei en pensar que todo ser humano levamos unha ermida no noso propio corazón;
o noso corazón dalgunha maneira tamén é como unha ermida, un espazo sagrado,
unha ermida soa moitas veces, apartada, á que algunha vez se achega alguén suplicando amores, ofrecendo amores,
pero da que moitos tamén foxen,
incluso nós mesmos evitamos entrar no noso propio corazón, na nosa propia ermida.

Ti, coma eu, coma todos os que aquí estamos,
levamos no noso corazón unha ermida sagrada.
A túa ermida
foi gozosamente visitada primeiramente polos teus pais, Manuel e Evangelina
e polo teu irmán Dourino, con quen te criaches.
Pasando os anos, foi o Fructuoso do Fondo da Vila  quen petou á porta desa ermida 
que ti eras, e houbo pracer e festa ...
e apareceu a Verónica, que encheu de esperanza a ermida que ti eras.
O teu corazón converteuse nunha ermita visitada, unha Ermida en festa.
Coa Verónica, o Amandino,
coa Verónica e o Amandino, a Icía,
e familias dun lado e do outro entrando e saíndo polas portas do teu corazón.
Que ben, canto pracer! Daquela os bicos ganaban todas as batallas.

Labrada, Pamplona, Vilalba, Casa Vella,
a túa ermida foi cambiando de lugares e de cores.
E zas, de golpe a desgraza, a enfermidade, 
a morte foi escurecendo o interior da túa ermida, 
do teu corazón. 
Que dolorosos eses desapegos obrigados!
Fuches atopando mans coidadoras, familiares ou non,
que seguiron visitando a túa ermida,
que seguiron alimentando en ti o lume sagrado do amor coma un remol.
E así ata a túa morte.

E agora, iso cremos,
a túa ermida está plenamente habitada.
Na fonte de todos os amores, que é Deus,
reencontrácheste cos amores todos da túa vida,
todos eses amores que te foron facendo muller feliz:
os teus pais, a túa Verónica, o teu Fructuoso,
tantos veciños e veciñas que te querían
e que comparten contigo un lugar no seo de Deus.

Gozámonos sabéndote feliz,
sabéndote unha ermida habitada polo amor plenamente.
Recordándote queremos aprender nós tamén
a coidar a ermida sagrada do noso corazón
a coidar os amores que a nutren e fecundan.
Porque no fondo do ser humano é basicamente
amar e ser amados.

Feliz día, Ermitas querida.
Todos contigo.
Unha aperta.

P.D_ Homenaxe de Manuel Regal Ledo a Ermitas.