mércores, 8 de febreiro de 2017

Deva e Kirh.

 

Cumprimos anos, non así pericia.
Teño a sensación de que non me decato do que vivo no presente, agora. Tanto ti coma eu, nós e eles tamén, estamos a facer un continuo e prolongado anaco da nosa historia. Esa que se comentará e criticará de boca en boca, para ben ou para mal, pero ese resultado só depende dos nosos dotes sementados o longo dos anos compartidos con Labrada. Facemos regos, comezamos camiños e facemos furados para que mañá, os fillos das vindeiras mulleres casadas cos seus maridos, recollan os froitos que nós regamos, ensanchan os nosos camiños e planten nos nosos furados.
Pero coido que non vai ser así. O lamento e a queixa, patrimonio ancestral do pobo galego, só da por resultado a derrota, xa servida de antemán e acompañada do prefixo "sub". Camiñamos coas zocas do século XX polas experiencias do primeiro cuarto do século XXI. Os traballos agrícolas e gandeiros, as xestións fanse de acordo a época presente. É preciso mudar o paso para chegar a meta no momento xusto, e non tarde. E se pode ser unha miguiña por diante.
Saltarán rebeldes queixas opositoras a tales verbas, seguro. Opinando que a loita débenos levar a cambiar ese prefixo; adiante, veña! Pero non son mais rebeldes que as propias que saen laiando do meu entrañable sentimento, decatándome da insolente guía que se vive día a día na aldea, no concello ou no pais.
Non vou gastar o meu tempo en resucitados persoeiros, (pobre do que pense que non existe a resurrección), tales como os Donalds ou Jean-Marie de quenda. Tampouco nos derrotados veciños que xogan a políticos caducos, xa que o seu simbolismo e precario e nin se representan a eles mesmos. Vou gastar o que eu non posúo, o tempo, en dicir uns enganos que a xente normaliña, a que vive todos os días a realidade, compra, vende e intercambia ese produto que lle sementan, e precisamente non é Dignidade.
Vimos de padecer uns meses de seca; xeadas e sol. Supoño que debido o cambio climático, os "Niños" e "Niñas", (estará empregada aí a de Rajoy?)
Non fai moitos días, o papá da nena, no seu papel "Pemasnistico", afirmou coa  rotundidade característica, esa chea da verdadeira falsidade tan peculiar, que a luz baixaría de prezo no momento que empezara a chover e facer vento. Que felicidade sentimos o ver que se achegaban as atlánticas borrascas. Verdadeiramente son portadoras de vida, traen o húmido elemento pos campos e, se encima nos permiten poder "cobrar" por facer electricidade! Porque, estaredes comigo; se a chegada da chuvia e o vento supón unha baixada do prezo da electricidade, Galiza debe cobrar por produción! Pero coido que o papá da nena errou nos cálculos, perdoable, todos erramos. Pero se eu, como gandeiro erro, fódome eu. Pero se erra o presidente do goberno na predición do tempo, quen se foden son os pobres marroquís por traer ou non traer suficientes paraugas para a feira de Gontán.
Por mor de Deva e Kirh somos uns bos produtores de enerxía. Os nosos montes, fogar de cabalos e vacas, agora aguantan de protagonistas novelísticos Cervantinos que axudan as grandes empresas a sumar cantidades que só os seres supremos do IBEX chegan a contar. Como dicía, Deva e Kirh, os deuses celtas da auga e do vento, chegaron con tantas gañas que arrasaron con boa parte das caducas e penosas infraestruturas regaladas polos institucións para o noso ben vivir. Chegou o tempo de non ter luz nas vivendas, das árbores trancadas nas rúas, dos enfermos morrendo nas casas por non axeitar as necesidades os tempos chegados, como é costume, un ano máis, íamos gozar do que para a nosa terra ven sendo común, a normalidade de da Galiza. Pero se é tan normal, que o é, como pode ocorrer ano tras ano o mesmo? Incendios no verán e na invernía o xa sabido. Colexios inundados, teitos arrincados, rios desbordados por unha inútil política medioambiental. Galiza ano tras ano ponlle o peito as forzas que xurdan do Atlántico, pero para tal cousa, precísase preparación, xa que temos experiencia, por que seguimos sen preparación, e a ausencia da preparación xa estamos cansos de padecela.
Iso si, Labrada sen luz e as subestacións da Cabalar e de Seidoiro en Labrada, a de Pico Verde en Samarugo con luz no seu exterior. Pero tanta tolemia posúo o considerar que o máis lóxico era que en casos de emerxencias climáticas tivéramos un enganche para nós? Se a maioría da nosa poboación supera os 70 anos, con enfermidades que precisan de elementos sanitarios enganchados a rede eléctrica, e ninguén fai algo para poder ser unha nación exemplar! Casualmente, nas familias que teñan que cambiar bolsa de colostomía, imaxínense as 4 da maña facer un cambio de bolsa sen alumeado, ou alguén que precisa da corrente eléctrica para poder enchufar a máquina do oxíxeno, ou un cento de persoas cegas ... imaxinade
Iso si, todo moi romántico, velas en cada esquina!
E as empresas prodúcena co beneplácito dos maiores delincuentes, presuntamente, non vaia ser ....
E por favor, pido encarecidamente, que as portas de entrada, chamadas erroneamente xiratorias, se lles deixe de chamar así. A quen vistes saír?
Por que non se sentan os propietarios dos montes, as empresas eléctricas e produtoras e a administración para facilitar un acordo que nos permita ter algo de honradez. Facer posible que en casos excepcionais, xa que nos terreos de Labrada se produce enerxía eléctrica, facilitarnos un enganche para non volver de súpeto as fermosas e pobres etapas de ter que ir acender as "plantas da luz" os regatos. Podemos ser precursores en algo e regalarnos dignidade!
Claro, a dignidade, non nola regalan, ou se ten ou se pelexa.