luns, 5 de abril de 2021

A dignidade de Toxoso.

   Uns dos deberes dunha sociedade cívica debe ser o obrigado coñecemento e respecto da súa historia, e tamén comprometerse a unha reflexión moral co fin de dar a coñecer o verdadeiro camiño que nos trouxo ata o "hoxe" presente.

    Son demasiadas as veces que a nosa comunidade de montes, e supoño que outras tamén, está composta por membros que a única finalidade é o ben individual, quedando os obxectivos da comunidade esquecido pola envexa egocéntrica do individuo.

   Resulta un paradoxo pertencer a unha comunidade de montes co devezo do ben individual.

   Desde a miña posición dentro da comunidade de Labrada quero dar a coñecer unha  reflexión, penso que economicamente importante para a nosa e outras comunidades, moral para todos e eticamente tamén para outros organismos.

   Desde fai xa tres décadas vimos arrastrando un conflito, tamén tratado neste blog, (https://labradeses.blogspot.com/2017/07/varios-caminos-para-unha-verdade.html), coa comunidade veciña de Castromaior, con unha imperiosa necesidade de darlle solución, pero con moi poucas gañas de atopar unha saída amigable.  Ese conflito condiciona relacións de familias, amigos e de veciños. Arrastra ao enfrontamento de grupos ou asociación, tales como cazadores. E vai levar nas vindeiras xeracións a desconfianza entre dúas parroquias condenadas ao entendemento e a procura de solucións, incluso pode que a costa da verdade.

   O conflito ten unhas cifras; son pouco menos de unhas 300 ha conflictivas, das cales a metade están plantados de pino, con unha idade de uns 70 anos. Quero referirme a este apartado, ao da plantación.

   A plantación fíxose a finais da década dos 50 con un importante investimento económico, momentáneo; pero sen esquecer que para poder facer a plantación, as políticas que naquel momento rexían e o goberno existente, quitáronlle dun xeito forzoso o aproveitamento do monte que os veciños viñan facendo. Aparte do semellante roubo de dignidade, calquera dano que o gando fixera na plantación, o propietario recibía a correspondente sanción económica. Iso supuxo anos de carencias engadidas e sometemento; sentir o medo, a continua cádega no pescozo.

   Xa nos tempos da democracia, a Xunta volveu aos lexítimos propietarios os montes, non sen cumprir unha serie de requisitos sempre correndo para o regato que leva á conveniencia da administración. 

   Eses anciáns pinos esperan pacientemente, moi cansados de estar de pé. Algún aínda aguantando o empuxe do vento, outros secos e xa dobregados. Os que aínda esperan, teñen a sorte de sentir o aloumiño do vento, veña do vendaval ou do norte. Outros días séntense sós e perdidos no medio da nebra; quero pensar que cando senten a caricia da choiva ou do sol, sábense uns privilexiados, tanto pola vida que senten, como tamén pola fresca sombra que regalan. Pero saben que están ocupando un sitio que outros máis novos deberan usar e sentir.

   Están cansados de esperar pola dignidade das xentes.

   Polo meu traballo do coidado do gando e a súa paciencia de dar abrigo a ese mesmo gando, vémonos case que todos os días e somos compañeiros desde fai moitos anos. Por isto, quixera, no seu nome, pedir as comunidades de montes de Labrada e Castromaior, ao Concello de Abadín, ao Distrito Forestal, a Delegación Provincial de Medio Rural, a todos eles individualmente e tamén en conxunto; que miren polo ben social e comunitario, que teñan a dignidade histórica de respectar o traballo feito pola xente que nos deixou esa herdanza. Uns que falen e outros que fagan de mediadores, pero todos coa responsabilidade que cada un teñen.

   A cegueira do egoísmo, aos responsables das comunidades, non nos permite ver o resultado dun pacífico entendemento, pero da por resultado que teríamos un beneficio económico moi necesario e, de seguido, poñeríamos en produción con unha planta nova ese monte. E o máis importante, seríamos mellores comunidades e respectariamos a historia, faríamos un cumprimento e deixaríamos un agasallo natural, de vida, como eles nos deixaron.

   Toxoso estaba onte, está hoxe e si vivo, estará mañá.