domingo, 9 de outubro de 2022

A Arnela

 
   Dun tempo a esta parte o topónimo de "Arnela" pillou un significado pulo no concello de Abadín, concretamente no concernente a área recreativa que leva ese nome na parroquia de Castromaior.

   Gustaríame poñer un pouco as cousas en contexto e que cada sitio tivera o seu nome real, ese que foi bautizado, nomeado e coñecido por xentes que nos precederon e que usaron eses nomes por un xeito concreto, respetado xeración tras xeración, e que agora nós, baixo un descoñecido fundamento, trocamos sen mostrar un mínimo de respeto aos devanceiros.
 
   Xaora que si, a Arnela é un barrio da parroquia de Castromaior que dista uns dous kilómetros e medio do lugar onde está situada a área que leva o seu nome, e tamén se recoñece que nos mapas ven nomeado o "Rio Arnela" na citada parroquia e que transcurre en dirección ao río Támoga. Ata aquí todo ben!
 
   Eu son da parroquia de Labrada e de profesión gandeiro, como tal teño gando vacun pastando nos montes comunais de Labrada; do mesmo xeito e por mor do meu oficio tamén son coñecedor dos sitios e a nomenclatura que identifica eses sitios. Fun enseñado polo Manuel do Veiguello, meu avó e tamén meu padriño. Posteriormente recibín enseñanzas de meu pai, o Luis do Veiguello e por suposto tamén de veciños que con regularidade coincidíamos no monte coidando do noso gando. Refírome a veciños non so de Labrada, era moi doado atopar no monte a xente das veciñas parroquias, por exemplo ao Argemiro dos Fornos de Fanoi; ao Julio do Modesto de Cándia ou mesmo ao Benigno do barrio do Grandón en Castromaior; e que ainda sendo de parroquias ou comunidades distintas, o nome dos sitios era común para todos.
 
   Tamén na década dos oitenta traballei na limpeza e poda dos pinos que nos montes de Portela e Toxoso plantou Patrimonio.

   Non fai tantos anos, as parroquias, ainda non clasificadas como "comunidades de montes"; non estaban separadas por peches de arame; os animais pastaban en calquera lugar do noso monte, os animais non diferenciaban a parroquia de Fanoi, da de Candia, Castromaior ou Labrada. O gando da miña casa pastaba tanto en Saber como no Alto do Cerro, Penas Altas ou Liceiras ... ou tamén na "Ponte do Bouso".
 
   Ese é o nome do sitio onde está a coñecida "Área recreativa da Arnela", na "Ponte do Bouso". De alí partía un camiño de moi dificil andar en sentido ao "Alto de Liceiras" e tamén outro a "Seber".Por qué non foi recoñecido con ese nome? Supoño que é moi doado esquecer nomes ou cambialos para que non se sabe fin.
 
   Por si esto non abonda, o regato que por alí pasa é coñecido polo nome de "Portela"; sexa regato, río ou afluente. Nace na comunidade de Labrada, no sitio chamado "Valiñas da Ovella", en sentido sur e esperando xuntarse co río Arnela vai recollendo as augas dos regatos que o van enchendo: Rego dos Pelouros, Rego do Acivro, Rego Salgueiro, Rego do Ouroso, Rego de Penas de Moas, Rego da Cabana, ... estes na comunidade de Labrada.
 
   Polo tanto, o nome quizais no fondo non importa si se usa dun xeito adecuado; o que non cambia é o fermoso entorno onde está situada; así que, é de xustiza ir pasar un día a "Area recreativa da Ponte do Bouso".
 
Foto de outubro do 2022. A dereita a caseta da área recreativa, a esquerda sitio onde se lle denomina a "Ponte do Bouso". Arriba é o "Alto de Liceiras" e a ladeira a esquerda os "Montes de Seber".
 
   https://labradeses.blogspot.com/2017/06/o-castelo-grande.html
   https://labradeses.blogspot.com/2017/07/varios-caminos-para-unha-verdade.html