martes, 19 de abril de 2016

Verbas e refráns esquecidas.


 
   Se entre burros te ves, ornea algunha vez.
 
  Unha das valiosas perdas que nos trouxo a modernización no campo foi o esquecemento dunha gran parte da riqueza da linguaxe, esa que fai referencia os traballos que, non fai moitos anos, se facían dun xeito moito máis artesanal. As palabras que facían referencia o conxunto de traballos con vacas e carros, e todo o que se movía ao seu redor, ou tamén outros traballos manuais, van quedando na gastada mente ou no esquecemento.

   A finalidade é recoller esas fermosas verbas, tantas veces usadas, e agora case que esquecidas. O que se pretende é ser un dicionario, quizais imperfecto en algunhas palabras ou significados, pero leal ao escoitado as nosas xentes de Labrada.

 Abelaira: Lugar onde se dan os abelaos.
Abofé: Que é certo e verdadeiro.
Abondo: Cantidade de algo que chega ou pode que sobre.
Acabicornar: Poñer unha corda ao gando dende os cornos ata unha das patas dianteiras.
Acalentar: Facer que alguén, neno ou maior, deixe de sentir desacougo.
Acheite: Dise de unha persoa, xeralmente neno, pequeniño.
Acurrar: Conducir o gando para un lugar para poder atalo.
Adival: Corda longa e gorda que serve para atar a carga nos carros.
Adolar: Traballo do zoqueiro que facía o remate do día, a luz dun candil de carburo ou de aceite, e que consistía en rematar e pulir as zocas.
Afacerse: Adquirir un costume ou hábito.
Afotoirado: Que está excesivamente acariciado ou sobado. Afrixido: Que se encontra nun estado de cansazo ou excitación.
Agolletar: Unir de xeito firme os cordóns dos zapatos.
Agorgotar: Facer palleiros pequenos de herba. (Sinónimo de apalleirar).
Albaroque: Comida ou cea, a que se convidan canteiros, veciños, e familia; que se fai nunha casa o remate dunha obra.
Alboio: Construción pegada ou dentro da casa, e que serve para gardar leña, apeiros e ferramentas.
Alcacer: Cereal, principalmente centeo, que se sega en verde antes de que espigue e que se utiliza como forraxe para os animais. 
Alpibardo: Cousa imaxinaria que sirve para facer burla ou travesuras.
Alzadeiro:  Moble da cociña, sen portas.
Amarfallar: Palpar algo de maneira pouco coidadosa sen buscar un bo fin.
Amolarse: Causar ou sufrir molestia ou amolo.
Amolecer: Abrandar unha cousa.
Anasado: Cando unha persoa está agachado dobrando as pernas.
Andrómena: Cousa que se inventa ou discorre para enganar a alguén. 
Anxada: Ferramenta de traballos agrícolas, de boca ancha e que serve para mover e limpeza da terra.
Aloumiñar: Xeralmente refírese o xeito de acariciar un animal.
Apeadoiro: Panca do muíño que serve para poñelo en marcha e tamén para paralo de xeito automático.
Apinarse: Refírese ao carro das vacas, cando debido ao peso mal repartido e por cargar moito na parte traseira, levantase o carro da parte dianteira.
Apreixar: Agarrar de xeito forte a algo ou alguén.
Aquelado: Palabra escoitada a Oliva de Xan. Entre outras acepcións, a Oliva referíase ao ben feito ou ben amañado.
Arangaño: Acción máxica que provoca certos efectos nunha persoa, nun animal etc., polo xeral negativos.
Ardís: Xeito usado para conseguir unha cousa.
Argallar: Neno facendo calquera cousa coa finalidade de divertirse.
Argallo: Cousa de pouca importancia ou valor.
Argana: Barbas da espiga de avea, trigo, centeo, etc.
Arredar: Pedir ou ordenar a alguén que se separe da persoa.
Arremendar: Imitar con intención de facer burla ou de provocar o riso.
Arrio: Forza ou capacidade para facer algo. (Tes moito arrio).
Arrudar: Son ou ruxido producido polas vacas cando demostran incomodidade ou molestia.
Artesa: Recipiente grande de madeira, con catro patas e tampa, máis estreito no fondo que por arriba, no que se amasa o pan.
Asollar: Poñer ao sol o gran despois de mallar para que se cure ben.
Asorado: Dise de cando alguén se sorprende por un feito ou situación. 
Asixo: Regular.
Asubío: Botar aire pola boca, de un xeito agudo, axudado polos dedos ou cos labios, xeralmente para chamar a atención de alguén, ou para facer que soen as notas dunha canción.
Aterecer: A causa do moito frío, quedar entumecido.
Avagantar: Parar de chover de un xeito forte.
Avagou: Diminuír o caudal dun regato ou rio.
Avarente: En Labrada, refírese a unha persoa chea, amiga de dar. Con todo "avarento" significa todo o contrario, tacaño.
Avogosa: Cousa ou persoa que é positiva ou favorece a sorte.
Axado: Persoa que se encontra nun estado de abatemento, por mor dun esforzo.
Axirar: Nunha criba, virándoa de xeito circular; modo de limpar os grans da colleita de xeito circular para que todo o que non sexa grao quede no medio e así collelo para que non vaia para o muíño.
Azo (de medo): Verbo) Ter ou sufrir moito medo.
 
Bafo: Ten varias significados. 1.Pode referirse ao vapor que despide un corpo húmido e quente. 2. Aire quente ou vapores que se expiran pola boca. 
Baldado: Por mor dunha labor física, encontrarse moi canso. 
Bango (dar en): Algo inestable. Non dar un golpe co seu propósito.
Berce: Cama pequena onde se deitan os nenos pequenos. 
Biqueira: Parte da carga que vai situada na parte de diante no carro. 
Bifa: Bufanda. 
Bogada: Conxunto de roupa lista para lavar.
Bocexar: Abrir a boca involuntariamente por mor da fame, sono, etc. 
Bollón: Refírese a choiva de maneira intensa nun curto espazo de tempo. 
Bordelar: Xunguir outro par de bois  ou vacas máis o carro, cando as que tiran precisan axuda.
Borreca: Erupción cutánea producida de varias maneiras. 
Botoalla: Peza longa de pau que sobresae da parte anterior do chedeiro do carro e queda situada entre os dous animais xunguidos, e no extremo da cal vai unido o xugo a través da dobra. 
Bourear: Falar de tal xeito que se fai moito ruído. 
Brecar: Resposta en forma de son dos animais ante un ataque. 
Brégola: Refírese a unha muller pouco coidadosa da súa intimidade.
Brullo: Conxunto de roupas en que se envolven e enfaixan os recentemente nados. 
Bulleiro: Terreo onde nace ou se acumula auga, facendo un lugar lodoso.
Buqueira: Espazo entre dous vargos que serve de entrada para as leiras.
 
Cabuxo: Cría da cabra. 
Cádega: Anaco de cordel que pasa por debaixo do pescozo das vacas do xugo e que serve para suxeitalo, que une os canciles. 
Cainzo: Estrutura de paus con varas, vimbios ou paus entrecruzados que se coloca a certa altura sobre a lareira para curar e afumar alimentos.
Cal: Parte baixa do suco que se fai cando se ara. 
Caluga: Parte posterior do pescozo. 
Calugada: Dar un golpe da castigo na caluga.
Camalleira: Peza metálica, dentada por un lado, colgada do teito, que sirve para colgar os potes. 
Cáncamo: Refírese a un animal de aparencia delgada ou de mala presencia.
Cancaño: Parte posterior do pé. 
Cancil: Cada un dos paus curvos en forma de U ou cada unha das barras de madeira que atravesan o xugo en sentido vertical, entre os que se cingue o pescozo do animal. 
Candongo: Referímonos a alguén de temperamento atravesado ou tamén folgazán. 
Canterlas: Fita metálica con que amañan as zocas fendidas. 
Cáparo: Graxa obtida do soro que quedaba o facer o queixo. Quentábase o soro e a graxa obtida aproveitábase para comer. 
Capizo: Anaco de tea, polo xeral xa moi usado, que se usaba para o vertedeiro. 
Carena: Refírese a gran cantidade de brasa para producir moita calor. 
Carpís: Tamén chamados calcetíns. 
Castrón: Macho da cabra.
Cearse: Xeito de facerlle camiñar para atrás, xeralmente a unha vaca ou cabalo, sen que se dea a volta.
Cezoiro: Atadura feita con pel curada de cocho que servía de unión entre o pértego e o rabo.
Chaldarse: Comportarse moi ben ou facer as cousas dun xeito inmellorable. 
Chanzos: Cada un dos paus horizontais que une as dúas pezas laterais das escadas e polos que se sube. 
Charamuza: Na lareira, miga de cinza que sube pola cheminea. 
Chareta: No lume feito na lareira, pequeno estoupido na leña que fai saltar as brasas. Chavella: Peza estreita de madeira que, colocada nun dos furados que hai na cheda do carro ou do arado, serve para suxeitar esta ao xugo.  
Cheda: Cada unha das dúas pezas do chedeiro onde van cravados os fungueiros.
Chedeiro: Piso ou plataforma do carro.
Chicote: Pequeniña cantidade de calquera líquido para beber.
Chinchilla: Chámaselles así os do barrio do Campo dos Novos. 
Chousume: Derradeiros mollos, cos que se pon remate a carga no carro ou tamén na meda. Cifra: Refírese o conxunto de aire forte e neve, producindo acumulación de neve en sitios baixos.
Ciscar ou escagallar: Botar o chan calquera cousa dun xeito desordenado.
Colo: Composto polos brazos, barriga e coxas, onde se poñen os nenos para durmir ou transportar.
Compango: Alimento sólido, carne, chourizo, queixo, ..., que acompaña o pan.
Cómbaro: Terreo sen cultivar que bordea unha leira. 
Conacha: Aparato xenital femenino.
Copeto: Recipiente onde se lle dá de comer ao can. 
Couza: Pequeniño insecto que come a roupa e a madeira.
Cozar: Fretar unha persoa ou animal contra calquera cousa por mor do proído. 
Crabuñar: Traballo específico e delicado, e que se fai para axeitar o fío das gadañas.  
Cribo: Instrumento formado por unha caixa circular cun fondo de coiro con furados ou cunha rede de metal de malla máis ou menos fina, que se emprega para cribar certas sementes, como o trigo, centeo, etc., limpándoas daquelas partículas máis grosas que interesa separar. 
Cricas: Persoa anímica e fisicamente feble.
Cuiso: Sinónimo de becerro.

Dedas: Cada unha das extremidades e articulacións dos pés.
Dedos: Cada unha das extremidades e articulacións das mans.
Degresa: Ferida na pel, xeralmente producida polo frío, que se produce en forma de greta.
Deligras: Sensación que se experimenta no corpo ao ser rozadas por algo e que provoca involuntariamente a risa ou, tamén malestar.
Derregar: Establecer os límites das fincas dende dous puntos fixos sinalados con dúas pedras chamadas "marcos"
Desavogosa(o): Persoa que da mala sorte.
Desenguedellar: Peitearse. Poñer unha cousa clara.
Desentretiñar: Quitar a graxa as tripas e limpalas.
Desmerecido: Persoa que se encontra en peor estado que noutra ocasión.
Devecido: Que se encontra ou vive nun estado de estremo desexo.
Discorrer: Dar voltas as cousas para sacar o maior proveito.
Doado: Cousa que se fai ou comprende de xeito sinxelo.
Dobla: Peza curvada feita de bidueira, cocida anteriormente no forno, que une o xugo coa botoalla a través da chavella.

Eivarse: En Labrada, sufrir un dano físico importante, que lle impide valerse de algún xeito. 
Embelecarse: Envolverse un ou unha cousa de tal xeito, que é moi difícil de desfacer. 
Emprega: Nome que se lle da a cada unha das cabeza de gando vacún. 
Encaldada: Mestura de alimentos sobrantes dunha vivenda que se prepara para dar ao gando, xeralmente bobino ou porcino.
Enchente: Crecemento do caudal do río, debido a gran cantidade de choiva. 
Encoiro: Persoa que está sen nada de roupa. 
Encollido: Dobrar o corpo ou unha parte del. 
Encumbrar: Dise cando, en un día soleado, de súpeto escurece de un xeito significativo. 
Endego: Ovo que se deixa no niño da galiña para que vaia poñer alí. 
Endergar: Ver o lonxe unha cousa, sen poder distinguila.
Engre: Instrumento de ferro que, cravado na terra e coa axuda de un martelo específico, serve para cravuñar as gadañas.
Engrota: Oco feito nos valados, o nivel do chan, para que entrara a auga para regar as leiras. 
Enguedellar: Enredar o pelo ou calquera outra cousa.
Engurrado: Referíndose a unha persoa, medio dobrado ou con signos de debilidade. 
Enlizar: Poñer ou meter en guerra dúas ou máis persoas.
Entoquinar: Contusión en calquera dos dedos ou das dedas.
Entumecido: Quedar o corpo ou unha parte sen sentido a causa do frío. 
Enxezgo: Facer un traxecto de xeito oblicua. 
Esbirro: Expulsión do aire, forte e repentina pola boca e nariz, por mor dunha alerxia ou catarro.
Escano: Banco de madeira para sentarse, situado preto da lareira, que por un lateral, e na parte de baixo, pode ter un hucho. 
Escariota: Refírese o animal que ten moi mal xenio. 
Escarpear: Desenredar a la. 
Escora: Obxecto que se pon diante ou detrás das rodas, que sirve de taco. 
Escotolido: Persoa que posúe algunhas formas de espelimento, maña ou enxeño. 
Esgarecer: Sentir unha gran debilidade, de tal xeito que se estea moi delgado.
Esguizo: Refírese a un cacho de madeira medianamente delgado que involuntariamente se caava nunha xunta do corpo.
Eslavas: Toda comida sobrante, e que por costume se lle da os cochos. 
Eslavuxar: Botar auga a algunha xunta do corpo, o corpo enteiro ou cousa, coa finalidade de limpala ou refrescala.
Esparexer: Estender o esterco nas leiras en distintas direccións. 
Espalecer: Parar ou desaparecer as tronadas. 
Espelir: Sacudir para que quede esponxoso. 
Espido: Persoa que está sen nada de roupa. 
Espiñazo: Fío do lombo, espiña dorsal. 
Espiteira: Moble da cociña onde se garda a louza e a comida. 
Espoltrar: Interromper de xeito involuntario ou provocado, o desenrolo dun feto no embarazo. 
Espreguizarse: Facer o xesto de estirar o corpo despois de un anaco de descanso. 
Esquecido: Deixar de sentir afecto por algo ou alguén. 
Estadullo: Pau feito de madeira forte e en forma gallo, que se pon na cheda, mantendo o carro horizontal mentres se carga. 
Estarabaco: Nada. (Non lle quedou estarabaco. Non lle quedou nada). 
Estarroar: Coller as herbas malas nunha leira con colleita.
Estrabo: En Labrada, para os da Casa do Fondo da Vila, era a corte pegada a cociña, que facía de corredor a outras cortes. 
Estrincar: Apoiarse ou suxeitarse con forza.   

Facha: Presa de palla acendida que serve para alumar. Antropolóxicamente falando, luz escintilante que percorre o ceo, e que se di que é premonición de morte, que cae encima da casa onde sucederá o feito.
Fachal: Buraco aberto nas paredes das casas, principalmente nas cortes, que serve para ventilar ou poñer cousas.
Fachenda: Aprecio esaxerado que alguén ten cara a si mesmo. Arrogante.
Fachineiro: Pequena abertura na parede dunha casa para dar luz ou para ventilar.
Fardelo: Saco pequeno que se usa para transportar grao ou fariña.
Feixe: Conxunto de cousas. Tamén se refire a un montón de herba atado con unha vincalla.
Fogaxe: Calor sufocante con aire quente.
Foleada: Reunión coa finalidade de festexar, aproveitando unha fiada ou outros traballos feitos en común. Acontecía en chozas, cortes ou lugares cubertos. Acompañados por gaiteiro ou acordeonista.
Folga: Cada unha das tres pezas ou repiques das campás que chaman para as celebracións.
Fornela: Lugar da casa onde se deixa a cinza do lume ou cando se coce.
Fouciña: Instrumento de labranza coa folla curva e mango curto, que se utiliza para segar.
Fouciño: Instrumento de labranza de folla grosa e forte, que se utiliza para rozar.
Fuciño: O nariz.
Fulero: Persoa pouco de fiar. Trangalleiro.
Furuncho: Grao grande duro e purulento formado na superficie da pel e no tecido subcutáneo.  

Gabela:  Feixe de toxo. 
Gafado: Que ten mala sorte. 
Gafar: Facerlle mal a alguén, tanto de feitos como de palabra.  
Gafo: Que é malo ou produce negatividade. 
Galaxe: Termo coloquial referente a parte interna da gorxa.
Galbana: Non ter ganas de traballar. 
Gandaina: Persoa, xeralmente muller, pillabán e alegre, de gustar dos praceres da vida. Garrida: Agasallo que se lle da os nenos, ben en forma de xoguete ou lambetada. 
Gávia: Rego que se fai pola parte de fora, ao redor de unha leira, e que pertence á leira en se. 
Gazmear: Refírese o típico son emitidos polos gatos en fase de celo. Tamén se refire o son que producen as pegas e corvos, animais de mal agoiro. 
Goro: Ovo incubado pero sen cría.
Gorxa: Conduto interno entre o padal e a entrada do esófago.
Grima: Medo grande e repentino. 
Guedellas: Pelo longo.
 
Illó: Lugar onde xurde a auga e desauga con dificultade, volvéndose o terreo brando.
Inzón: Algo extremadamente pequeniño. Tamén ácaro que produce a sarna.

Ladrairo: Táboas que se pon en cada un dos lados do carro para que non caia a carga.
Laiar: Expresar o sufrimento mediante choros, xemidos, palabras.
Laido: Persoa cun aspecto desfavorable.
Lamboada: Cousa de comer, de pouca cantidade e de agradable sabor.
Lambón: Persoa que come moitas lamboadas.
Lañado: Persoa astuta, e sagaz.
Larada: En partos múltiples, conxunto de crías recentemente nacidas.
Lareto: 1_Que fala con desvergoña, sen respecto algún.
              2_Persoa incapaz de gardar un segredo.
              3_Persoa que, no momento de contarlle algo, inmediatamente cóntallo á persoa que atopa. 
Larpán: Persoa que ten por costume  comer moito.
Leiro: Cacho de terreo.
Ligón: Instrumento de labranza que se usa para cavar, formado por unha pa de ferro de bordos cortantes en forma ovalada.
Lixosa: Cousa que está moi manchada.
Lizo: Afiar de xeito correcto cada un dos dentes dunha serra.
Lombeirada: Polo xeral, forte golpe dado no lombo con unha vara.
Lodo: Mestura natural de auga con terra.
Louza: Conxunto de utensilios que se empregan na cociña e no servizo da mesa.
Lumieira: Pequeno buraco aberto no teito do lousado, para dar claridade.
Lustroso: Algo que goza de moi bo aspecto.

Maino: Cousa suave ou que ocorre de xeito lento.
Manco: Falta dalgunha xunta do corpo.
Maniña: Dise do animal femia, que despois de ser nai algunha vez, non empreña e pasa épocas sen criar.
Maña: Ter o don de facer as cousas con xeito e facilidade.
Marañón: Variante de "garañón". Cabalo do monte que é semental.
Marcos: Pedra cravada no chan que sinala os lindes dunha leira.
Meda: Morea grande de mollos de cereal colocados ordenadamente que se fai no lugar onde despois se van mallar, polo xeral na eira.
Medeiro: Grupo de mollos de centeo, trigo etc., colocados de pé uns contra os outros, que se fai na leira despois de atar.
Mesto: Refírese a cando unha cousa, principalmente semente, está moi xunta.
Micado(a): 1_Alimento que traen os paxaros os niños para alimentar os seus fillos. 2_Alimento que se meteu na boca e que se volve o prato.
Miñaxoia: Persoa sen malicia, ou que ten pouco valor ou ánimo.
Miocada: Comida que os paxaros levan as crías cando están no niño.
Mol: Algo que esta brando.
Molida: Dise das cousas que están brandos. Prenda branda que se usa para amortecer o peso de algo.
Molime: Vexetais cortados, como toxo, felga ou xestas, que se bota no lugar onde están os animais para mantelos secos e para que fagan esterco.
Mollo: Brazado de centeo, trigo ou avea despois de atalo.
Morno: Sustancia ou comida que se atopa cunha temperatura ambiente
Mouro: Persoa de cor escuro causado por mor do traballo ou falla de aseo.

Nacente: Refírese ao punto cardinal do leste.
Norear: Dar voltas ou camiñar dun xeito sen definir ou sen un fin concreto.
Noxo: Sensación negativa, por mor do percibido polo cheiro ou vista.

Ora: Exclamación na que se refire que é o momento xusto de parar.

Pabea:  Conxunto formado pola espiga e a palla do centeo, trigo, avea, etc.
Papón: Ser imaxinario co que se asusta os nenos. 
Parrafear: Dise cando dúas persoas conversan de xeito amoroso. 
Pastoriña: Oír voces, acompañadas ou non de imaxes ou luces, nos "camiños da igrexa", de procedencia relacionada a Santa Compaña. 
Pavea: Cana oca dos cereais, centeo, trigo, aveas, ... que une a raíz coa espiga.
Pavoría: Sensación de medo intenso. 
Paxel: Peza de calquera tipo de vestir. 
Peitoril: Pedre a altura do peito, de aí o seu nome, que fai de base nas xanelas. 
Peldurado: Lugar ou comezo da cheminea, feito de madeira, que sirve para poñer utensilios de cociña. 
Peneiro: Instrumento formado por unha caixa de madeira, con fondo de coiro con furados ou ben cunha rede de metal de malla máis ou menos fina, que se emprega para separar as partículas de distinto grosor que constitúen certas materias, como a fariña, a area etc. 
Perola: Recipiente pequeno que sirve para cociñar alimento. 
Pescozo: Parte do corpo que une a cabeza co resto do corpo.
Peterrear: Discutir de xeito continuado para conseguir algo. 
Pillabán:  Rapaz astuto e amigo de facer trasnadas.
Preguiza: Sensación que se ten cando alguén non quere facer cousas.
Presoiro: Sustancia para callar o leite. Obtida despois de pelar a parte interna do estómago, cortala e botarlle unha boa cantidade de sal. Déixase repousar uns tres meses nunha cunca, pasado ese tempo, bótaselle o primeiro leite de unha vaca recentemente parida e o resultado serve para callar o leite. 
Prexón: Lugar individual na corte das vacas, onde se ata pola noite cada unha delas. 
Púcaro: Pucheiro de tamaño pequeno. 
Pucheiro: Recipiente de barro.
Pulazo: Pasto vello e de pouca calidade, xeralmente seco e moi esponxoso. 
Puleiro: Sitio enriba das cortes que serven para poñer aveños. Lugar nas cuadras onde dormen as galiñas 
Rafas: Anacos pequenos de comida, usados como complemento.Raiola: Intervalo breve de sol nun día chuvioso. En Labrada chamábaselles así os do barrio do Cordal. 
Rangueiro: Pau en forma de gallo, que se coloca na parte dianteira do carro e que serve para aumentar a carga.
Raxeira: Estar ao sol nun espazo de tempo determinado. 
Recuar: Dar marcha atrás. 
Refaixo: Peza interior de abrigo que levaban as mulleres por debaixo da saia e que tiña a forma desta. 
Refuxeiro (deixar): Dise cando a alguén non lle dan descanso. 
Regadeira: Ferramenta que se utiliza para abrir regos nas leiras para que discorra a auga e repartila.
Rei: Conxunto de tres mollos, atados entre si, que dá orixe a meda ou o medeiro.
Rel: Algo pequeno. 
Rela: Aínda que a palabra, etimoloxicamente falando ten un bo número de significados, en Labrada referímonos o xeito de non deixar nada de calquera cousa.
Relais (de): Subir unha forte pendente de xeito torcido, facendo zigzags. 
Remol: Brasas acesas conservadas entre a cinza.
Restra: Trenzas que se fan coas cebolas, ou similares, para penduralos. 
Rinchar: Son característico dos cabalos.
Rilleira: Cada unha das táboas laterais  da cama. 
Rosmar: Expresar de xeito pouco claro unha protesta ou ameaza.
Roxear: Con lume, poñer o ferro á temperatura de poder traballalo.
Roxón: Anaco de carne graxenta que queda despois de derreter as graxas do porco.

Sazón. Espazo de tempo indicado para sementar ou recoller as colleitas.
Sebe: Nas entradas das fincas, cerrume feita con varas cruzadas, xeralmente de xestas e toxos.
Sieiro: Vento de certa intensidade, de procedencia norte e moi frío; que é en marzo cando máis afecta á nosa comarca.
Soá: Espiñazo do porco.
Solecer: En Labrada enténdese como algo ou alguén que sae dunha situación complicada. Noutras partes da Galiza é sinónimo de (a)bordelar; pode que o nexo entre elas sexa ese. 
Soleira: Pedra na entrada da casa, xeralmente o primeiro chanzo  do patio da entrada.
Sonso: Persoa emocionalmente apagada ou atontada.
Soro: Líquido característico sacado cando se fai o queixo.
Subarco: Xeito de transportar algo utilizando para elo un ombro ou os dous. (Traer un saco de fariña ó subarco).
Suco: Porción de terra arada que queda entre cal e cal.
Súa: Palabra de varios significados. Neste caso refírese a "debaixo de...".

Talega: Saco pequeno que se colgaba á cintura.
Talloa: Banco pequeno, xeralmente algo máis alto que o tallo, de tres patas.
Tallo: Banco pequeno, de catro patas e sen respaldo que serve para unha soa persoa.
Tangue: Variante de "tanque". Vaso con asa, de cristal, barro ó metal, que sirve para beber.
Tega: Medida de capacidade equivalente a un ferrado.
Tego: Medida de superficie.
Temple: Momento no que o ferro roxo esta na temperatura idónea para poder traballalo.
Tempereiro: 1_Instrumento do tear que tensa a tea e iguala o ancho. 2_Pau que se pon dentro do trobo en forma de cruz. 3_Pau vertical do muíño que sae do ollo ata a engrada.
Testo: Tapa de calquera tipo de pota.
Tira Bargueiro: Tipo de cinto ou faixa, usado en caso de estar herniado e con un nódulo na parte interna de forma ovado, que se pon onde está a pel rota.
Tizón: Pau que se mantén ardendo por un lado, con chama ou sen ela,ou que está xa apagado ou mouro.
Toquear: Caer a cabeza por efecto do sono, cando non está apoiada.
Toqueno: Que ten un dedo ou un membro mutilado.
Tramoio: Personaxe falto de seriedade e mentireiro.
Trampa: Pasadizo para atravesar o río, feito con un carballo suficientemente ancho e con rilleiras para apoiarse. 
Treitoira: Cada unha das pezas situadas na parte de baixo do chedeiro e entre as que xira o eixe do carro e que poden servir de freo.
Trinar: Estar inquieto ou con presa.
Trinca: Confrontación, disputa verbal.
Tunda: Refírese a cantidade de golpes dados ou recibidos nunha pelexa. 

Ucho: Banco de forma rectangular e cerrado totalmente, sen respaldo, que se usa para gardar tixolas, louza ou compangos. Situado detrás do lume, na lareira. 
Ullar: Sitio da cociña en que se pon a leña que se ha de queimar. 
Upar: Levantar ou facer forza para situar a alguén nun determinado sitio.

Vaia o: Tamén "vaia home". Interxección que pode expresar amargura, sorpresa, ...
Vargo: Pedra grande de pouco grosor, que se crava na terra para cerrar unha leira.1
Vasallo: Vasoira que se confecciona con xestas ou pólas de loureiro e que se emprega para varrer o forno.
Vencello: Presa de pallas coa que se atan os feixes do centeo e trigo cando os atan na sega.
Vezar: Coller a costume de facer certa cousa, de xeito xeral refírese o gando.
Vianda: Alimento para o gando. Tamén se refire os sacos de grans que se levaban ao muíño.
Viorta: Atadura de palla retorcida, que se emprega para atar os feixes. 
Vincalla: Atadura de pólas retorcidas de carballo, bidueiro etc., para atar un montón de herba ou alga similar.

Xagaz: Animal de xenio dócil e tranquilo.
Xemer: Expresión da fatiga na xente cando fan un gran esforzo. 
Xingrar: En Labrada referímonos o feito de xogar, un ou varios pícaros. 
Xoina: En días de moito calor, distorsión óptica na paisaxe.
Xoto: Dise do animal pouco dócil e de mal xenio. 
Xugo: Aparello de madeira constituído por varias pezas ao que se suxeita, polo pescozo ou pola cabeza, unha parella de animais de tiro para enganchalos ao carro ou ao arado. 
Xunguir: Poñer o xugo os bois ou as vacas.
Zucio: Dise da persoa que aporta malas formas, feitos ou sintonía. 
Zunado: Persoa teimuda, mal intencionada.


          Contos, parábolas e frases esquecidas.

 -A randea é un atavío de madeira composto dun pau duns cinco metros de largo, chamado veo, que xira enriba dunha chanta, de algo máis dun metro de alto, cuxo espigo se mete nun furado do medio del. En cada punta do veo póñense dúas persoas, e cando se produce a caída, produce gran ledicia na xente da foliada. En Labrada a randea so andaba o martes do entroido.
- A boa fe: Xeito que se usa para reforzar unha resposta de afirmación ou negación, poñendo como testemuña a fe que tes en Deus.
- Andar a pixa carpida: Cando alguén anda encoiro ou con moi pouca roupa. Tamén se refire a quen anda con moita pobreza.
- As mellores gabelas sempre van na biqueira: Expresión sinónima, que indica que as cousas mellores ou presentacións sempre van por diante. 
- Botar a niñada o cuco: Refírese a cando escoitas o cuco pola mañanciña e aínda non mandaches ningún tipo de alimento o corpo; e a superstición di que todo o día andaras cansado e con sono. 
- Cama de folga: Cama que se reserva para os convidados.
- Cadela de Frade: (Forficula auricularia). Insecto. Existe a crenza popular de que se introduce polas orellas dos humanos.
- Comer de pique: Dise cando unha persoa come na man pan con algo de compango.
- Da perda un pelo. Refírese a calquera tipo de aproveitamento ante unha adversidade.
- Deixas medo: Non fagas caso, non te preocupes. 
- Dios mediante: Se Deus quere. 
- E igual que a manta de baixo: Refírese a persoa folgazana ou de pouco espírito.
- Esguizo: Parte moi pequeniña da madeira que se crava na pel. 
- Estar trinando: Dise de cando unha persoa ten presa.
- Foo: Este lugar coñécese na toponimia galega como un lagar onde se pon un cebo, xeralmente vivo, dentro dun círculo onde se mete o lobo e xa non pode saír por mor da altura do balado. O destino que lle esperaba o lobo era pasealo pola aldea, romperlle as pernas e botalo os cans, coserlle a boca, .... En Labrada temos esta toponimia onde se xunta a pista que pasa polo Pazo e se xunta coa rúa que sae de Gontán con dirección a Montouto, chamado "Foxo cabrito". Outro sitio coa mesma referencia é o chamado "Chao do Foxo"; sitio que está no camiño que sae do "Fondo da Vila" e que remata no "Ollo", situado ao norte da "Choqueira" ou da "Casa de Blanco".
- Fungón de sapo: Popularmente en castelán é coñecido como "bejín negruzco". Cogomelo de pouco valor nutritivo ou culinario, e de color branco, que cando se volve maduro vólvese marrón e rompe a pel e, solta un po marrón que son as esporas. En cada cogomelo hai billóns de esporas. Pódense atopar en prados e pasteiros.
- Ir os alpibardos: Feito ou xogo burlesco, feito entre varias persoas, que consiste en poñer a unha persoa, por regra xeral o máis inocente (parvo), nun lugar determinado aguantando dun saco coa boca aberta. O resto do equipo saen en busca do "alpibardo" coa intención de acurralo para que se meta no saco e así pillalo. O segredo está en que, mentres o inocente esta esperando termando do saco, os outros van de foliada.
-Lavar a bogada: Lavar a roupa que esta lixosa.
- O meu can colleu unha mosca: Cando ocorre un feito inesperado ou alguén o acomete.   
- Outra vaca no máiz da chousa. Cousa repetitiva.  
- Ourizo Cacho: Pequeno mamífero, co lombo e os lados cubertos de espiñas, lento no andar, e que se alimenta de insectos.
- Pequeno coma un inzón: Que é extremadamente pequeno. 
- Seo da manta: Que está comodamente no medio de algo.
- Vas pagar a branca da pousada: Refírese ao alto custo que vai supoñer facer ou comprar algo.
- Zurrar a badana: Pegarlle a alguén de xeito merecido.  


                                Fungón de sapo.