mércores, 29 de marzo de 2017

Loa ao ilex aquifolium ...


   Acivro, carballos, buxos, castaños, salgueiros, toxo, ameneiro, bidueiro, pradairo, bieiteiro, freixo ...
   Tipos de árbores autóctonos da nosa zona que se poden mirar na camiñada que podas facer, tanto na beira dun valado coma na dun río ou regato. Árbores enraizados na nosa paisaxe, pero tamén na nosa cultura do día a día, con un valor e un fin, de cada un deles. Maioritariamente, quitando algún bidueiral plantado para facer zocas, mesturados e remexidos, nados pola súa propia iniciativa, a finalidade de engalanar e purificar a nosa paisaxe, con unha cor e un cheiro específico. Árbores centenarios que se prestaron a facer de abrigo,tanto do sol como da choiva, axudaron a facer unha merenda, un descanso ou o parrafeo. Tamén axudan a que outras xentes sintan envexa polas paisaxes e polo aire que respiramos; foron e son abrigo do noso gando e deron leña para os nosos fermosos e rudos invernos. Axudaron a dar e facer vida dentro das nosas casas.
   Mangos de anxolas, brosas, arados, gadañas e gadaños; xugos, culleres, portas, faiados, cangos, enciños, vigas, camas, treitoiras, huchos, rastros e rangueiros. Cainzos, peldurados, cestos ... simplemente madeira! Cada un de vós lémbrase e engadiría un aparello, engadídeo; é un xeito de facer unha homenaxe as arbores que nos dan vida. 
   O noso xeito de facerlles honra é o esquecemento da planta que nos veu nacer para nós facerlles morrer. A tala indiscriminada para poder plantar árbores que nada teñen que ver co noso pais: pino e eucalipto principalmente, especie que é un autentico veleno para o noso chan e que zuga a sangue das nosas fontes. O respecto e desconsideración pola paisaxe, pola nobreza do que de xeito gratuíto nos regala a terra, outórgannos o título de delincuentes.
   E non me doen prendas en acusar a esas xentes que, sexan veciños ou emigrados, eses que plantan sen aprecio, sen dor ... os que desampararon o fogar que os aleitou e que veñen o fin de semana; ou no caso dos veciños, mais a mdo, ver as súas propiedades plantadas de eucaliptos sen cumprir norma ou lexislación algunha, co fin de sacar un rápido aproveitamento madeireiro; demostrando unha total falta de respecto. Esos que cando venden o que lexitimamente é deles, son copartícipe, xuntamente cos madeireiros, en deixar os camiños practicamente intransitábeis. Ben é certo que iso pouca preocupación lles pode causar xa que, volveran a percorrer ese camiño o cabo de dous anos para ver como quedou a nova plantación ...de eucaliptos. Pero somos nós, veciños asentados na parroquia, os que percorremos eses lameiros todos os días.
   Estaría moi ben o respecto e a memoria polo pasado e recordos. Como por exemplo a Luis Luaces y Labrada, Rexedor da cidade de Mondoñedo e descendente dos Luaces de Labrada. El foi quen celebrou a primeira festa da árbore na Alameda de Mondoñedo o día 4 de febreiro do 1569, ordenando a cada veciño que trouxera tres árbores froiteiras para plantar. Xa a cousa non empezou aí, xa antes publicáronse varias ordenanzas a favor do coidado das árbores.
   A primeira ordenanza aparece o 28 de marzo do 1503 e aprobada polo Bispo D. Pedro de Munebra, e que ven a dicir o seguinte: 
   Dado que os zapateiros da cidade e de outros lugares, fan gran dano nos montes sacando a casca dos carballos, e quen o queira facer só poderá sacar a cuarta parte do toro ou o largo do mango do machado que usara, so pena de seiscentos maravedís  a cada un dos que incumpran a norma.
   Tamén se dispón que os veciños da Villa que teñan fincas propias ou aforadas, debía plantar cada ano catro arbores froiteiros, so pena de cen maravedies por cada incumprimento da norma e ano.
   O 1 de maio do 1536, o concello tamén ordena que ningunha persoa corte árbores polo pé pra leña ou chantón.
   Tamén o 15 de febreiro do 1537 sae a norma na que ningunha persoa ousara cortar carballo nin castiñeiro nos montes de do Couso ata Coubeira. Si se podería cortar no Rego das Culleres e Tronceda, Costa de Abeledo e Fraga de Estelo e Trigas, dentro dos termos citados, tanto en canto alcance unha legua de longo desde o centro da cidade; so pena de trinta días de cárcere e seiscentos maravedís.
  Incluso, nunha ordenanza de novembro do 1551, permitíase matar sem pena algunha as cabras que estiveran nas árbores. 
   E, sen dúbida, a ordenanza máis fermosa foi a que se ditou o 14 do nadal do 1567, na que se pregoou a todos os veciños da cidade e o concello a plantación cada ano de seis árbores, dous deles no campo da Nosa Señora dos Remedios.
   É moi posible que algunhas das normas citadas foran inxustas, pero algunha delas, terían unha aplicación razoable nos tempos de hoxe. Unha delas, sen dúbida, a recomendación ou obrigatoriedade de plantar unha porcentaxe de árbores autóctono en referencia o plantado de non autóctonos.
   Nos vindeiros anos, onde se poden pinchar castiñeiros en Labrada?