mércores, 17 de xaneiro de 2024

A neve negra.

 
   Xa anoitecera. 
   Sempre anoitecía antes de que se deran as condicións apropiadas para escoitar os contos que cada un tiña gardados no saco da súa vida, do seu camiñar. Algunhas veces eran historias persoais que se quería compartir co fin de facer historia, de achegar coñecementos cotiáns á sociedade como viñeran facendo as precedentes xeracións.
   Outras veces eran uns contos que tiña máis de un protagonista, no cal participaban e eran actores algúns dos que placidamente deixaban que as frases saíran da memoria de cada protagonista. Era un conto calquera, compartido e enriquecido por cada achega do recordo ou condicionada visión da mesma historia.
   Era unha obra de teatro na cal cada veciño de xeito improvisado era apuntador e protagonista; sempre unha casual aventura. A pesar de que ninguén se preocupara de axeitar un decorado acorde aos relatos, todo estaba ordenado conforme á representación, case sempre envolta en misterio coa idea dun remate, inesperado, enigmático.
   Ao redor da lareira o mesmo ritual; rodeada das pernas escachadas dos homes e dos mantelos tapando as das mulleres. Un cacho de bidueiro fora traballado e feito zoca que axudaban a que un catarro non subira polos pes. As curtidas mans estaban acostumadas a poñelas de tal xeito que se axeitaban na maneira de adorar o pai lume. A camalleira esperaba polo pote, os tres pes apartados e a fornela chea de cinza.
   As persoas de máis idade tiñan o coñecemento de saber ler o lume e as súas maneiras de expresión. Pola maneira en que as charamuzas saían cara o peldurado e alapeaban os tizóns sabíase de que lado o vento ía soprar.
   O fume, ese inseparable compañeiro das noites de inverno, cada unha delas fora axudando a que o sarrio decorara as paredes dun xeito lúgubre e axudara a imaxinar máis aló do que se dicía.
   O que aquela noite se escoitou quedou gardado no recuncho máis escondido da miña memoria.
   Era algo que para o meu infantil coñecemento resultaba imposible pero tamén desconcertante xa que a historia era coñecida por todos os actores e cada protagonista achegaba o que recordaba; con algo de covardía esperaba con impaciencia o remata do conto.
   Ese ano fixera moito inverno e caira unha nevada moi grande, por aqueles tempos tal cousa non era nada raro; pero si o era o feito que unha pequena capa de neve fora moura. Era coñecido polo "ano da neve negra". Polos camiños había troncadas de neve que dificultaban o camiñar entre as casas máis veciñas, e tamén a capa de neve moura axudaba a sentir un receo polo descoñecido e inexplicable feito. 
   Para a miña sorpresa, buscando unha explicación a tal feito, resulta que non é tan raro. Hai evidencias de nevadas mouras en varios lugares e distintos anos. Poden ser devidos a fenómenos naturais, por exemplo un volcán; ou por motivos da contaminación industrial.
    Ao resultar un fenómeno raro e para aqueles tempos de difícil explicación chegaron as supersticións; os pensamentos catastróficos unidos as crenzas ancestrais axudaron a ter un medo colectivo. Naquela época estaba moi presente o castigo divino mediante a fin do mundo. E ese medo facía que só se pensara que a derradeira solución era a igrexa (a que te castiga e te salva).
   Pasaron os días e a neve foi desaparecendo levando con ela os medos e deixando o recordo e tamén as preguntas sen resposta.
 
   Febrero de 1956. Vida Gallega.
   "La sorprendente noticia circuló por toda la prensa nacional y tuvo amplio eco en el extranjero: en la hermosa comarca del Valle de Oro (Lugo), el temporal de nieves tuvo un epílogo inesperado: en la nevada cumbre del Cuadramón cayeron abundantes copos negros, que llegaron a cuajar, y en diez parroquias se observó el extraño fenómeno de una ‘lluvia enlutada’ -según popular bautizo- que atemorizó a las sencillas gentes aldeanas».
 
 
Labrada. 09/01/2010.