martes, 2 de agosto de 2022

A Genma de Tibian.

 

   A Genma deixounos fai pouquiños días, muller que vivia no barrio de Tibián, concretamente na "Casa do Carlitos". Como todo veciño ou veciña, tiña un sobre nome. O dela era o da Genma do Valeriano, o nome do seu home; ou anteriormente como o da Genma do López.
   Nacera en Romariz, precisamente na casa que daba nome a súa procedencia. Casou co Valeriano de Tibian e froito desa unión naceron Teresa e Ana.
   O día do enterro da Genma, Manuel Regal Ledo fíxolle unha fermosa homenaxe. Co seus consentimento paso a facelo público nesta páxina, tamén querendo unirme ao recoñecemento dunha muller rural e amiga da nosa terra.
 
"Dúas palabriñas, Genma para ti,
con todo o aprecio e agarimo do mundo,
desde o agradecemento que sinto pola tua vida entre nós 
durante tantos anos.
 
Dúas palabras para chufarte un pouco;
aos pais e nais sempre nos gusta que chufen os nosos fillos,
e a Deus temén lle gusta que llos chufemos, 
e a Genma era, é, unha filla de Deus.
E, polo demais, ben sabemos que tampouco a Genma era perfecta,
que tería cousas que necesitan o noso perdón, e dámosllo de corazón.
 
Quero simplemente recordar o significado do teu nome,
que me parece revelador.
Gemma é unha palabra latina que procede doutra palabra grega, gemo,
que significa algo cheo, abundante.
 
E de aí pasou a chamarse Gemma
ou xema aos botóns das vides e de calquera planta,
porque son o comezo da vida e dos froitos,
están cheos de vida.
 
E por iso se chamou tamén gema á pedra preciosa dun anel, 
porque vale moito, porque é moi fermosa.
 
E, velaí, que ti, Genma fuches xema, botón, 
xema vigorosa da planta da aldea;
planta nacida en terras de Romariz,
na casa abundante e venturosa dos López,
planta transplantada logo á casa do Manuel do Carlitos en Tibián,
onde compartiches vida co Valeriano 
e os seus pais Manuel e Toña
e algo tamén co Plácido e a Fidencia.
 
E, maravillosamente, da xema desa planta que ti eras
empezaron a sair froitos preciosos, que admiramos e agradecemos.
Sen deixar de recoñecer que seguramente algún mal saiu de ti,
como dixemos antes.
Fuches unha muller vital, chea de vida;
produciches vido no corpo e ánimo das túas fillas,
Teresa e Ana, hoxe de santo, (que boa nai te imaxino!),
mostrábaste chea de vida
co teu traballo dentro e fóra da casa, 
coa túa palabra, coa túa acollida,
coa túa disposición,
co teu vigor, coa túa vontade de ser e de expresarte,
coa túa capacidade de facerte ver e valer como muller
no medio dunha sociedade machista como era, 
e ainda é en boa medida,
a das aldeas, vilas e cidades nas que vivimos.
 
Fuches unha bendición para a túa casa,
para os teus, para a nosa parroquia. 
Estamos orgullosos de ti 
como o estamos de tantas mulleres 
que enchen as nosas vidas, 
avoas, nais, parellas, fillas.
que sería de nós, os homes moitas veces prepotentes,
sen a presenza ao noso carón de tantas mulleriñas queridas
que nos dades paz e vigor, gozo e esperanza!
 
Estamos orgullosos de ti, Genma,
chaldarémonos levando o teu nome nos nosos labios,
no noso corazón,
igual que nos chaldamos levando unha xema preciosa 
no anel da man cando nos queremos poñer guapos.
 
Grazas pola túa vida.
Sentímonos bendecidos por ti.
Goza eternamente do agarimo de Deus 
no que atoparás tamén o noso propio agarimo.
E, se che fan falla perdóns, conta cos nosos.
Un bico. E ata aquel día, amiguiña".
 
25 de xullo do 2022.
 
                                    Manuel Regal Ledo.