domingo, 9 de marzo de 2025

Labrada e a súa contorna.

 
   As orixes da división parroquial en Galicia, ten os seus comezos nos tempos dos suevos cando estes organizaron eclesiasticamente o reino creado en "Gallaecia". As parroquias convertéronse en agrupacións de casas e familiares. O seu recoñecemento non está oficializado na actualidade, mais a sociedade galega aínda as recoñece como institucións propias e definidas claramente os límites na contorna. Os núcleos sociais comparten elementos identificables  que xeran unha comunidade, como é a igrexa, o cemiterio, as festas tradicionais; e tamén a identidade individualizada e característica de cada unha delas.
 
   San Pedro de Labrada é unha das 19 parroquias do concello de Abadín, limita ao norte coas parroquias de San Xurxo Cadramón do concello do Valadouro e Santa Mª do Pereiro do concello de Alfoz; cara ao nacente con San Martiño de Figueiras do concello de Mondoñedo e San Xoán de Romariz; cara ao sur con Santa Mª Madanela de Fanoi, San Xoán de Castromaior, San Bartolomeu de Corvelle e Santiago de Samarugo do concello de Vilalba; e cara ao poñente con San Simón da Costa do concello de Vilalba, e Santa Mª de Montouto.
 
   Dentro dos límites territoriais do concello de Abadín e referíndonos a súa extensión, a parroquia de Labrada é con diferencia a mais grande con 5.735 ha (19.751 todo o concello). Por mor da súa ampla extensión e relevancia e como xa quedou exposto anteriormente, tamén comparte límites cos concellos de Valadouro, Alfoz e Vilalba. Primeiramente imos aclarar as desavinzas que xurdiron a partir da instalación dos parques eólicos na zona de Penas da Fame, Pena de Torres, Veiga Rubia, Penas Mouras, Fontes de Toxoso e Penas da Amosa ou tamén da Cociña.
 

domingo, 9 de febreiro de 2025

Domingo emotivo. Como vou esquecerme.

 
                                                                                                                                                            2024


Como vou esquecerme
Se o esquecemento é memoria
De que debo esquecerme
Están a falar de broma.

Como vou esquecerme
Só esquecen os bobos
Que reescriben a historia
Para borralo todo.

Como vou esquecerme
Onde poño as sombras
Só quero saber
Onde están os que sobran.

Como vou esquecerme
De todo, aquí e agora
dígao quen o diga
Ou o Pai Santo en Roma.

Como vou esquecerme
De todas as derrotas
De tantos humillados
Das familias rotas.

Como vou esquecerme
De soños imposibles
De tantos invisibles
E de tantas vitorias.

Como vou esquecerme
Se teño o disco duro
Excedendo ata o bordo
Que alguén veña e bórreo.

Como vou esquecerme
Xa sei que lles estorba
Que se abran as cunetas
Que se mire nas fosas

E que se faga xustiza
Sobre todas as cousas
Que os mal enterrados
Nin morren nin repousan.

Como vou esquecerme
Desa turba furiosa
Deses anos de chumbo
E curas con pistola.

Como vou esquecerme
Dos anos vividos
Non se acaba o camiño.

E aínda estamos vivos.
 
 
                                                                Víctor Manuel San José. 
 
   https://youtu.be/YEuXiEEpy2U?si=YvwuHk0OFIBPwlSg

martes, 4 de febreiro de 2025

Martes emotivo. O don da tenrura.

 
 
                                                                                                                                        2025
 
 
Camiñei cinco lúas máis, crin morrer.
Calquera ser pódese arrastrar, seguir como un réptil.
Non sei como cheguei a un lugar, onde ninguén podería atoparme.
 
Crin a salvo ata que ao fin, tiven que preguntarme
e se ninguén me atopa xamais, sentirei soidade.
O rumor da súa loucura, desde o meu oculto recuncho.
Sen mostrar que é a tenrura
O noso don.

Non era o único por alí
que se achaba ben escondido.
Comezamos polas noites a saír
E ao fin fixémolo ao sol.
Así foi como te atopei
pequeno corpo precioso e vello.

Agora é nunca, dixeches, e eu repliqueiche
nunca está tan, tan lonxe.
Con vida nunca me collerán
obrigáchesme a xurar.
Vin brotar o teu sangue escuro
e unha dúbida arrasoume.
En verdade é a tenrura 
o noso don.
É ou non?

Na loita, como no amor, vívense a paixón.
E veste inmortal e é brutal a dor
Pero o corpo sécase e tócache lidar
coa sangue e o don.
É o sangue ou o don.

Non hai vitoria que sexa final,
nin derrota total.
Chegará con man dura
e perderán a ocasión de entender
que é a tenrura o noso don.

É o don
o noso don.
 
   https://youtu.be/PShaoIASpTk?si=HSuzZVumr37HKgTZ

sábado, 18 de xaneiro de 2025

Mortos, desaparecidos e esquecidos.


Selo da II República Española que aparece no reemplazo do ano 1932 do concello de Abadín.


   O golpe militar no estado Español do ano 1936 iniciouse a noite do 17 de xulio na cidade de Melilla ao mando dos militares antigobernamentales Emilio Mola Vidal, Gonzalo Queipo de Llano e Francisco Franco Baamonde. Deseguido a rebelión axiña se estendeu as outras cidades coloniais de Tetuan e Ceuta. Xa ao día seguinte á rebelión uníronse outras cidades xa dentro do territorio peninsular....
 
   Ante esta situación o día 18 podía acontecer dúas cousas; unha era que o golpe triunfara sen un derramamento de sangue importante, e outra que o golpe fracasara, como así aconteceu; e o goberno legalmente elixido e constituído se fixera forte apoiado pola masa social de esquerdas representadas maioritariamente polo "Frente Popular" e unha parte do exercito que considerara ser fiel aos principios da Constitución da Segunda República do ano 1931. Aconteceu esta segunda opción e deu comezo o enfrontamento entre a sociedade, dando pé ao que se deu por chamar cos nomes dos bandos "Fascistas" e "Rojos".
 
   Os mozos forzosamente foron reclamados para matarse uns os outros dependendo do lugar en onde se encontraban. O exercito do goberno do "Frente Popular" sucesivamente foi chamando as 28 quintas en todo o territorio nacional comprendidas entre o 1915 e o 1942. O exercito sublevado tamén foi chamando as 14 quintas comprendidas entre o 1928 e o 1941. A diferencia do número de quintas entre un bando e o outro vén dado polo feito que todo rapaz que se encontrara en territorio controlado polas forzas antigobernamentales, dificilmente podía acudir á chamada do exercito defensor da legalidade establecida.
 
   Cada fusil empregado na guerra tiña ao redor de si unha persoa con unha historia e unha realidade única, singular e irrepetíbel. Unha persoa moi nova, un mozo que marchou da casa cheo de medo e incerteza, sabendo que posiblemente non volvería a ver a súa xente e que en demasiados casos perderon a súa vida; e noutros casos volveron maioritariamente con feridas e mutilacións, e algunhas desas feridas non eran visible. Seguramente imaxinando a morte cruenta que en calquera momento o atoparía; deixando xa unha viúva solteira e fillos sen procrear. Tristemente imaxinaría as colleitas que non ía sementar e as follas do outono que non ía ver podrecer. Non se podían imaxinar o que supoñía principalmente para eles e a súas familias, pero tamén para toda a sociedade, que uns homes egoístas autoproclamados salvadores da patria, os chamaran para matarse.
 
   Esas ideas que se apoderaron do pensamento dunha parte da sociedade tamén estaban apoiadas polos intereses relixiosos que dende a igrexa tamén xurdía. Esa sociedade aínda hoxe senten que non rematou a guerra, que é preciso continuar coa mentira, coa inxustiza e coa dor.
 
   Deixando atrás á anterior idea persoal sobre o acontecido; o que neste traballo se publica e que fai referencia as listas dos quintos do concello de Abadín, foron consultados nos arquivos do concello. Tamén o que fai referencia aos nomes dos falecidos foron consultados, e polo tanto publicados no boletín oficial do estado que ata o ano 1959 tiña o nome oficial de "Gazeta". Na citada publicación e por cada nome do soldado felecido, vén publicado a data do falecemento, a pensión e o nome da persoa con dereito a percibila.
 
   Quero apuntar que os falecidos que aparecen e están contrastados son cuarenta e dous, pero hai a posibilidade que sexan máis. A día de hoxe e ante o desinterese e xa que tampouco resulta unha comenencia tratar este tema, é moi complexo buscar información referente ao periodo histórico que vai dende o 1936 ata o 1975, etapa que trata a guerra civil e os anos da dictadura.
 
   Debo agradecer as facilidades que dende o concello, e a través sobre todo ao Martín que pacientemente me atendeu, me ofreceron para a consulta dos arquivos e poder publicar este pequeno tributo a uns homes que se sacrificaron para a vergoña e deshonra dun pais.
 

luns, 16 de decembro de 2024

O agradecemento dun fillo.

 
 
 

 
   Vilalba, Goiriz, As Touzas, Martiñán, Castromaior, Abadín.
 
   Recitándome as paradas restantes ata Gontán, calmaba Elvita a miña ansiedade os venres pola tarde no autobús do Carreiras.
 
   Era a ansiedade do que se achega á súa patria dende o exilio.
 
   Porque na nenez, Gontán era a miña patria. Unha patria que non tiña bandeira, pero tiña roupa tendida ao vento no Campo da Feira. Unha patria que non tiña exército, pero tiña unha lexión de cativos en bicicleta que patrullaba os seus lindeiros.

   Unha patria que non tiña goberno, porque cando non sabíamos facer algo, preguntábamos aos avós.

   Unha patria sen xuíces, porque non apetecía delinquir.

   Iso si, na miña patria da nenez había unha raíña nai: Elvita.

   E cando, obrigado, marchei da nenez, ela sempre estivo ao meu carón; pero cada vez que mamá me falaba, eu cría que aínda estaba detrás da cociña de "Casa Valdés".

   Grazas mamá.