luns, 8 de marzo de 2021

Sucesos escuros de Labrada. O Neto de Labrada.


   Nesta serie de capítulos que comezamos aquí, trataremos episodios delicados facendo referencia a situacións vividas por veciños da parroquia de San Pedro de Labrada. Tratarémolos coa oportuna delicadeza e respecto tanto para os protagonistas como para es seus familiares. Non é a miña proposta molestar a ninguén, soamente mostrar o ocorrido o longo do noso tempo. Todos o que aquí se expoñen, está recollido en periódicos da época en que se cometeron os sucesos.
   Intentando recoller opinións das xentes que viviron os sucesos, atopeime coa dolorosa exposición nalgún dos relatos.
  3875 pesetas.
   
   Tres mil oitocentas setenta e cinco pesetas foi o botón dos tres a atracos cometidos na parroquia de San Pedro de Labrada por unha banda de atracadores que na década dos corenta operaban na zona de Labrada e o seu contorno. Paisanos que de día aparentaban levar unha vida dedicándose as tarefas da labranza e gandería; e a sombra da noite xuntábanse para cometer os delitos.
   Na citada banda había dous veciños da nosa parroquia e que eran coñecidos polo seu pouco axeitado vivir.

   Eran:
   Jesús Otero, de Vilalba
   Bibiano Palmeiro, de A Balsa.
   Guillermo Paz, de Samarugo.
   Ramón Fraga, de Lanzós.
   Rosendo Chao, "O Leadoro"; de Samarugo.
   José Yañez, " O Fonterraña", de San Simón.
   Jesús Fernández, " O Laxoso", de San Simón.
   José Ramón Casabella, "O Casabella", de Labrada.
   José Ramón Díaz, "O Neto do Lancho", de Labrada.
   Francisco Requeijo, " O Chaparrito", de Romariz.
   Jesús Rego Iglesias, de Fanoi.
   Os dous últimos dedicábanse a tarefas de vixilancia para o acometer os atracos.
   
   Todo comeza no ano mil novecentos corenta e tres, cando parte deles empezan a cometer roubos polas parroquias da zona de Vilalba. Era costume que houbese bandas de malfeitores por zonas, xuntábanse o millorciño de cada parroquia. Quizaves os veciños da nosa parroquia con unha historia máis negra no século pasado foron "O Neto do Lancho." e "O Casabella". De nome José Ramón Díaz Yañez, o Neto do Lancho naceú no barrio do Porto Vello o día 17 de Xullo do ano 1888, é de supoñer que tivo unha nenez acorde a época que lle tocou vivir. Casou tres veces. A primeira muller, Filomena Prieto Díaz, morre o día 27 de Febreiro do 1938 con 65 anos de idade no barrio do Calvo. Volve a casar, con Luisa Solmo Prieto, o día 12 de Marzo de 1938. Muller que aporta o matrimonio dous fillos, Benedicta e José. Do matrimonio nace unha filla chamada tamén Benedicta. Luisa morre o día 4 de setembro do 1944. A terceira muller era de S. Simón, aínda que descoñezo se casou legalmente. Despois das súas andanzas morre na cárcere o día catorce de Outubro de mil novecentos corenta e sete.
   José Ramón Casabella, "O Casabella", nace en San Mamed das Oiras, do concello de Alfoz, casa en Labrada e supostamente nace o redor do ano mil novecentos un.
   Estes dous veciños conxuntamente cos citados anteriormente cometeron tres atracos, en Outeiro, Currovedo e Capeleira. O primeiro atraco que cometeron en Labrada foi en abril de mil novecentos corenta e catro, no barrio do Outeiro, a vítima foi o veciño Antonio Fernandez Graña. Era a noitiña e Antoño viña coas vacas para a corte, cando o Leadoro, Guillermo, Bibiano e o Fonterraña o estaban esperando para roubalo, ante a situación tivo que deixar as vacas, e para rematala, unha das vacas, o filárense, matou a outra. Roubáronlle tres mil pesetas que tiña nun lato escondidas nun peto no medio do gran. O Casabella tamén participou nos feitos, pero para non ser recoñecido xa que eran veciños, estaba escondido no medio dos loureiros. Uns din que o Antoño deixaralle uns cartos o Neto do Lancho, e devolveullos uns días antes, outros que vendera uns bois na feira e que era de supoñer que os cartos estaban na casa. Tanto o Neto do Lancho como o Casabella participaron nos tres roubos de Labrada dun xeito pasivo, foron informadores xa que eles non daban a cara por que os recoñecerían.
   Tardaron un ano en volver a roubar en Labrada, o vinte e sete de abril  de mil novecentos corenta e cinco van roubar a Currovedo a Carlos Fernández Vidal, casado con Josefa Rouco Vivero; casa do Neto de Currovedo. Ían coa intención de roubar sete mil reais, que pensaban que tiñan na casa. Os atracadores eran o Leadoro, Jesús Otero, o Laxoso, o Fonterraña e Guillermo, o Casabella esperounos preto da Ponte Labrada para repartir o botín. O chegar a casa atoparon un home moi maior e enfermo, cando o encañonaron e lle pediron os cartos, o señor desmaiouse. Entón foron buscar o Carlos que estaba traballando nunha canteira para que lle deran os cartos, díxolles que non os tiñan, entonces empezaron a pegarlle o Carlos ata que o tiraron no chan. Despois de moito remexer atoparon nunha naveta trescentas setenta e cinco pesetas. Aparte, cando se foron, tamén levaron unha rebanda de pan e a Josefa, tamén lles deu un queixo.
    Tiveron que pasar menos de dous meses para que volveran a facer das súas falcatrúas, esta vez na Capeleira. O día vinte e dous de Xuño do mesmo ano, Bibiano, o Leadoro e o Fonterraña; unha vez máis o Casabella esperaba en "Barreira Blanca" para despois repartir o botín. Entraron na casa de José María López Cortiñas, avó do Antoño da Capeleira, entraron coa intención de roubarlles sete mil pesetas, pero como soio tiñan cen pesos, empezaron a remexer nos armarios, non atoparon máis nada, a pesar de que había escondidos os cartos de unha das confrarías da parroquia. Énchenselle o Capeleira os ollos de auga o recordar a "leña" que lle deron o seu avó. Apoderáronse tamén de un xamón, pero aínda lles parecía pouco e decidiron que o José María e a súa filla Mª Antoña, acompañados dos atracadores, foran ata a casa do cura para que D. Andrés lle prestara os cartos que eles lle querían roubar. O José Mª petou a porta e entrou na casa, a filla quedou fora xunto os ladros; o dicirlle a que viña o cura cerrou a porta e sobeu para o cuarto, agarrou a escopeta e empezou a tirar tiros polos furados que hai no cuarto e que dan a porta da entrada, e tamén empezaron a soar as campás. José Mª non deixaba de berrar dicindo ...
   -Pare Sr Cura, que a miña filla está fora e vana matar.
   Mentres as campás non deixaban de soar, cousa que fixo que a cuadrilla fuxiran, deixando a Mª Antoña libre. Os veciños do Barral acercáronse, non sen receo, para ver o que acontecera; cando chegaron os ladros xa se foran. Lembrar que cando as campas soan de un xeito particular transmiten o anuncio de unha desgracia.
   Tamén se comenta que cando a Guardia Civil deu chegado a casa do cura a resposta de D. Andres foi ...
   - "Ustedes siempre llegan tarde en estas ocasiones".
   Aquí remataron os roubos da banda en Labrada, pero non así as penurias e vergoña por ter uns veciños así. 
   Outros importantes atracos cometéronos no Curraíño, na casa de Gumersindo Novás Seijo o día sete de febreiro de mil novecentos corenta e catro, Bibiano, o Leadoro, o Fonterraña e o Neto do Lancho chegaron o Curraíño con intención de roubar e pode que tamén de dar morte o Gumersindo, xa que era retén da garda civil. Na casa con Evilasia estaban os dous fillos do matrimonio, Jesús e Carmen, e tamén Amaro Geada que viñera de facer o servizo militar facía poucos días e estaba de visita. A contía do roubado foron catro mil pesetas, e tamén lle levaron a escopeta que tiña colgada a cabeceira da cama. Seguidamente, esa mesma noite foron roubar a casa do pai do Gumersindo, levando mil pesetas. Alí esperounos o Aniceto que, o querer agarrar unha colmeira dispararon un tiro.
   En Romariz cometeron dous atracos máis; un o día oito de maio de mil novecentos corenta e seis, na casa de José Vázquez Fernández, levaron este día tres mil catrocentas pesetas. E o seis de outubro de mil novecentos corenta e seis viñeron atracar a Evilasia López Lorenzo levando outras catro mil pesetas.
   Pero o máis penoso acontecemento ocorreu en Castromaior, no barrio de Seber. O día 14 de abril de 1946 foron roubar nunha casa en onde habitaban as irmás Hilaria e María Fraga Fernández. O Laxoso, o Casabella e o Neto do Lancho chegaron a Castromaior, o barrio de Seber entre noite e día. Entraron na casa das mulleres o Casabella e o Laxoso, mentres o Neto do Lancho quedou fora vixiando; colléronlles mil pesetas, un queixo, un bolo de pan e un anaco de carne. Saíron con dirección cara o monte menos o Neto do Lancho que se quedou un pouco atrasado, este deu media volta e acercouse ata a soleira da porta cando fixo un disparo coa escopeta matando a Hilaria Fraga. Coméntase que as irmás coñecían o autor do disparo xa que viñan aos albaroques e comer polas festas o Carballal, a casa de Pepe. A Hilaria díxolle a María ...
   -Ese e o Neto do Lancho, de Labrada.
El, o escoitalo, deu a volta e matouna dun disparo, eran as 8 da noite. A muller asasinada tiña 53 anos e chamábase Hilaria Fraga Fernández. 

   A casa de Hilaria en Seber, lugar onde ocorreu o homicidio. Xaneiro 2016.

    O día doce de outubro de mil novecentos corenta e seis viñérono a buscar a Labrada a garda civil e preguntáronlle a muller por el. Estaba traballando nunha xesteira. A muller pegoulle un berro dicíndolle que a garda civil preguntaba por el. A súa resposta foi ...
   -E que me queren?
A xente recordase como baixaba andando polo camiño da feira, entre dous garda civíes que ían dacabalo, un dos cabalos era branco.
   17/10/1946. La Noche.


   Tamén o resto da banda foi detida o mesmo día. Sabemos que foron xulgados por un xurado militar e, no que respecta a José Ramón Díaz Yañez, o Neto do Lancho:
   -"Faise constar que as seis horas do día catorce de outubro do mil novecentos corenta e sete foi executada en garrote a pena de morte na persoa do reo José Ramón Díaz Yañez, no recinto da Prisión Provincial.
    Faise constar que  se procedeu o enterramento do cadáver do reo, previamente depositado nunha caixa de madeira sen pintar e trasladado o cemiterio de esta capital, quedando enterrado na sepultura número corenta e catro da fila décima da sección primeira".
   17/10/1947. La Noche.

________________________________________________________________________________________

Ningún comentario:

Publicar un comentario