martes, 29 de decembro de 2020

Solidarias Historias Pequenas.

                  Asunción do Toñico.

                  Asunción María Maseda García.
 
   Asunción pillou o alcume do seu avó, Antonio, que era natural da parroquia de A Balsa. O pai era José, de Labrada, e súa nai Concepción (San Simón da Costa). Ela nace en Labrada o día tres de abril do 1901, no barrio das Basilias. Foi fillada dun neno chamado José María Maseda García que nace o primeiro día do mes de xuño do 1934.
   A carencia de todo xeito de vida, fan que emigre co seu fillo, para Valiño, e alí comeza unha nova vida.
   Na súa casa, en Valiño, deu casa e comida a xente de Labrada que ía a Mondoñedo facer calquera cousa.
   Morre en marzo do 1992.

In memoriam.
 
         A Carmela de Vaineiro.

        María Carmen Requeijo Anello.

   A Carmela de Vaineiro nace en Labrada o día cinco de xullo do 1899, viveu no barrio do Cordal, polo lado de baixo da Casa do Perrote. O pai era Manuel Requeijo e a nai Remedios Anello; naturais de Romariz e residentes na nosa parroquia.
   Por mor da aparencia física a xente dicíalle que esta preñada, ela negaba tal cousa dicindo:
   - "Si así é, que mo saquen con un gadaño".
   O día quince de setembro do 1934 pare unha nena chamada María Liria Requeijo Anello, e falece o día un de xuño do 1938.
   Muller sinxela e tamén confiada; arrimada sempre a pobreza, a dependencia da chamada dos veciños para traballar e así poder comer. Requerida moitas veces para pagar débedas contraídas por mor da necesidade.
   Muller vulnerábel e inxenua, como exemplo cumpre dicir que, cando comezaron a vir as radios, ela tamén se fixo con unha. Escoitaba con atención, e na súa infinita inxenuidade, interpelaba a calquera cousa cos locutores. Incluso miraba por detrás  para ver "a xente que falaba".
  A pobreza, o abandono, o vulgar aproveitamento do alleo, fíxo que morrera en Mondoñedo un doce de outubro do 1978.
 
   In memoriam.