domingo, 26 de maio de 2024

Domingo emotivo. Non podes.

 
 
 
Non hai barreira, fechadura,
 
nin ferrollo que poidas impoñer 
 
á liberdade da miña mente.
 
      
                                Virginia Woolf.

Ollando cara o Xistral.

                                                                   

   O autobús baixaba dende Montouto e pasaba polo Campo de Carreiras antes das nove e media, os rapaces do Barral tiñamos que erguernos as oito para poder ir a escola.
 
    Aquel vinte de novembro foime chamar miña nai. Durmía co Veiguello no cuarto de enriba da cociña e o despertar sempre me atopaba co olor típico do lume feito de toxos e xestas, e do fume da lareira que subía polo pendurado e pasaba tamén para onde durmíamos. Aquel día se cabe era máis forte, xa que era a matanza e unha caldeira de auga fervía  enriba do lume. Aínda durmido, ao chegar a cociña estaba a radio prendida, tamén como todos os días. Dende que o Sr. José Ramón, o Zocas de Zoñán, lle vendera unha radio ao Veiguello sempre estaba prendida para oír as novas; de súpeto todos quedaron quietos, parados... "Franco ha muerto" ... miúdo paradoxo: o día que matamos os cochos na miña casa tamén morre Franco. Non hai porqueiro que non lle chegue o seu S. Martiño.
 
   Dende ese día o noso país empeza un réxime democrático afianzado, cando en decembro do 1978 xuramos a constitución. Morea de artigos redactados por señores saídos, maioritariamente, da etapa da ditadura, pero que chegaron a puntos en común para saír do pozo no que vivíamos. Algo que hoxe, coa carencia intelectual da clase política que nos oprime, sería pouco probable.
 
   Onde quero chegar?. Vivimos coa sensación de desgoberno da presunta "clase" política, de estar ignorados por persoeiros de fedorenta moral. Ollemos sen ir máis lonxe a nosa parroquia do Concello de Abadín: Labrada.
 
   Labrada ten unha morea de recursos dos que se aproveita a nosa xente e tamén o resto do concello. Non está de máis recoñecer o gran número de aeroxeradores instalados nos nosos terreos comunitarios, terreos comunitarios de Labrada. O concello recibe un canon por eses mesmos aeroxeradores chamado "compensación medioambiental" co que ingresa uns 400.000 euros. Pero, que parte recibimos quen xeramos eses ingresos? Nas solicitudes rexistradas no concello sobre necesidades da parroquia de Labrada ningunha, nin a primeira foi atendida.
 
   Solicitouse reiteradamente e por escrito ó Sr Alcalde un resumo dos investimentos realizados en Labrada en varios cursos económicos e inda agardamos. Reunimos con el a Asociación Veciñal e a Comunidade de Montes, o Sr Alcalde non soubo facilitar ningún dato, ningunha contía, so recordou que temos pistas e estradas. Pero vamos home!!! Nos nosos montes temos vertedoiros incontrolados, carecemos de suficientes colectores do lixo en determinados sitios e a resposta do concello é que son moi caros. Temos camiños municipais por onde se sacou madeira e agora nin as vacas poden camiñar. Temos solicitado a desafección da escola de Carozo dende fai máis de cinco anos e sen resposta.
 
   Sr Alcalde, se me puidese escoitar diríalle ... Lembre que foi elixido por nós, polos seus veciños. Que nós, os que o votaron e mailos que non, temos o dereito de saber como manexa as cousas, que os 2.285.338 euros que vostede rexe son dos 2646 veciños, non son seus. Teñen a obriga de escoitarnos, de dicirnos e de preguntarnos. Tan complicado é responder o que se pregunta cando o que quero saber me incumbe? A miña gran dubida é ... por que tanta penumbra, tanta néboa con Labrada? Esconde o noso concello algo que non se debe saber?
 
   Mire Sr Alcalde, D. José María, pódenos dicir en que se gastaron os 2.285.338 euros do presuposto do ano 2013? Ou non quere, ou non sabe ou non pode? Ou non podo preguntar? Ou os que vivimos mirando para O Xistral recoñécennos menos necesidades que os que miran cara á a Terra Chá? E... remataranse as obras algún día na praza de Abadín? Cando vai cambiar de novo o alumeado entre Gontán e Abadín? Os empregados ou contratados do Concello farán algún traballo algún día fora das beirarrúas da zona urbana? E... creo, supoño que seguindo a costume pola que se rexen as xentes da alcaldía, nada do aquí exposto será tido en conta. Pero, "non hai santo que non lle chegue o seu día".
 
   Mentres tanto seguirei recordando, con dignidade. O día aquel non houbo escola.
 
                                                                                                     Ano 2016, Manuel Rivas Cortiñas.