A Domingo Fernández Pita.
Benquerido Domingo,
dúas palabras de agradecemento por tí,
pola túa vida entre nós durante noventa anos.
De agradecemento e mesmo de admiración tamén.
Ti es un máis desa roda inmensa de homes e mulleres de aldea
que co voso traballo, coa vosa constancia, coa vosa organización
parroquial, cos vosos amores, coas vosas festas,
enchestes de vida e ennobrecestes estas terras.
Moi humildemente, si,
pero grazas a ti, e tantos e tantas coma ti,
somos o que somos.
Grazas de corazón.
Domingo, trouxéronte a este mundo os teus pais Xosé e Aurora
no lugar do Pazo;
criácheste alí cos teus irmáns Arxemiro, Antonia, Carmen e tamén América, que morreu repentinamente aos seus 20 anos.
Foron anos duros: a guerra, a postguerra ....
Anos de facer vida a base de dobregar o corpo e de espelir os
ánimos cada mañá.
Tiveches amores coa Divina e con ela fixeches vida en Carozo.
E froito deses amores o Francisco, o Alfonso, a Herminda.
E volta a suar o pan de cada día
coa esperanza sempre de que mañá fose mellor
para vós, para os vosos fillos.
E velaí aquí están,
como unha fermosa coroa ao teu redor,
agradecendo o froito de tanto sacrificio vivido xuntos.
Non serías perfecto, terías os teus fallos, as túas sombras
pero que é iso ao lado de tanto ben.
E logo viría a enfermidade, o parar á forzo,
encamar, sentirte ben coidado e querido polos teus,
--que bendición máis grande, non hai mellor residencia no mundo!--
e pouquiño a pouco irte acabando. Grazas.
Domingo é o teu nome.
Domingo quere dicir "do señor".
A un día da semana chamámoslle "domingo",
porque é o día que lle dedicamos ao Señor.
Chamarte Domingo dinos que ti e todos, todos, somos do Señor.
Pertencémoslle.
Es del, somos del, pero o señorío de Deus sobre nós
non ten nada que ver cos señoríos humanos.
deus non abusa, acompaña.
Fai camiño con nosoutros humildemente, discretamente,
ofrecéndose,
desexando ardentemente ser un bo,
un moi bo compañeiro de viaxe.
E Deus, en todo caso, é o noso señor,
para recoller o que vai quedando da nosa existencia
--eses corpos esgotados, eses ánimos rendidos--
para lles ofrecer un oco de amor, de perdón, de paz
no seu mesmo corazón.
Doémonos pola túa morte, Domingo,
pero alegrámonos por te ver así ben amparado
polo mellor coidador do mundo, que é o noso Deus.
Nel descansa en paz, Domingo.
Es do Señor, que o Señor te encha de todo ben.
Unha aperta, e ata aquel día, amigo.
Labrada, 5 de decembro do 2022.
(Manolo Regal Ledo).
P.D_ Despois do axeitado relato que Manolo Regal fai da figura do Domingo de Carozo, eu quero aportar unha pequena reflexión; quero facer público algo que non se dixo do Domingo para darlle un significado máis amplo da súa figura.
Recordo unha noite, unha soa noite do Domingo tocando o acordeón na cociña do Camba en Carozo.
Coa música que saía do seu acordeón tamén axudou a que as foliadas alegraran os cansos corpos nas noites labregas. Axudou a que cada un dos veciños bailara en longas noites pezas musicais que saían da sensibilidade do Domingo, do seu rudo e apracible corpo, e seguro que tamén canso.
Con agradecemento.
(Manuel Rivas Cortiñas).