sábado, 13 de febreiro de 2021

Chegou a luz

 
Caseto da Planta da Luz do barrio da Cabeira o pé do Rio Villagüente, no lugar de Sobre da de Xaniño.
 
   Aqueles tempos eran escuros, complicados para quen quixera atopar claridade na vida; eran situacións de submisión e de un forzoso acomodo para a xente. A sociedade estaba acostumada a escuridade en todas as expresións posibles. Por suposto tamén ás escuridades visuais, cando non tes unha sinxela visión, e moi doado tropezar moitas veces na mesma cousa.
   A verdadeira claridade da que se podía gozar era a natural, a que regala o sol cada día. A industria fixo que dentro das casas se usaran os primeiros utensilios para poder ver. Achegábanse os tempos do candil, de carburo ou de aceite; tempos de usar o tizón ou unha presa de palla, a coñecida como "facha". Tamén os tempos das cate(a)linas, eran carapelas de bidueira secas que se poñían, ben suxeitas, na punta dun pau e que proporcionaban unha boa e prolongada luminosidade. 
   O candil, que ía da corte para a cociña e de aquí para o cuarto, que xa tiña o furado de costume en cada parede. O tizón, que acompañaba a xente polos camiños, tanto para ser vistos como para ver. As fachas, quizais as menos usadas pola seu perigo e tamén polo rápida combustión..., todo servía, con tal de aportar claridade ás noites, ou tamén os recunchos escuros que o día nos podía aportar.
   A prosperidade, lenta, fixo que se comezaron a instalar pequenas centrais hidroeléctricas, as coñecidas como "plantas da luz"; pouco queda dos casetos que se foron facendo nas veiras dos ríos. Dependendo dos posibles de cada casa, chegáronse a poñer plantas individuais, ou de xeito máis común, por barrios.
   O carón dos rios había un bo número de casetos que gardaban as plantas. A Planta da Ponde de Guela, a da Abelleira para a Casa do Carracedo; a de Carozo que fornecía os barrios de Carozo, Chao do Outeiro e Barral. A da Casa de Garcia, individual, que estaba no Lugar. A Planta da Luz da Cabeira,fornecía as catro casas. A de Tezán e un pouco máis arriba a da Ponte Vella que fornecía as dúas casas do barrio da Capeleira. A da Pixarela, que daba luz para algunha casa do Cordal, Lamacide, Campo dos Novos, Ratoeira e Fondo da Vila. A da Pardela. A do Rego das Galiñas, que fornecía os barrios de As Tarandeiras e Paridoiro. A de Picheira Bella que fornecía a Lestide e a Casa de José de Carlos. E a do Morollo que fornecía a Casa Vella e Costa da Laxe. A de Currovedo. A do Muiño da Canteirada, que fornecía a Casa do Habanero.
   Quizais tres lámpadas en cada casa que alumeaban como un remol, sabíase onde estaba colgada, pouco máis.
   A cousa mellorou coa chegada da electricidade de ámbito estatal. Eran os derradeiros anos da década dos 50 cando no barrio de Tibián se puxo a luz.
   No barrio da Atalaia cando se estaba tirando a acometida eléctrica, morreu Jesús Martín Coira Díaz. Era o vinte e oito de abril do 1959 cando accidentalmente pisou un cable que estaba tirado no chan. Morreu instantaneamente.
 
   Especificacións e prezo da instalación da corrente eléctrica na Casa do Veiguello. Ano 1965.