sábado, 10 de xullo de 2021

O Garipol

 

   Antes de expresar calquera opinión que fixera referencia a figura, xa histórica do Ricardo, máis ou menos acertada; quixen saber o que significaba ser ou pertencer a "Casa do Garipol". A palabra en si, non expresa nada concreto ou significativo.
   O atopado nas procuras, o dicionario "Diccionario histórico-etimológico del amaziq insular" fai referencia a mesma palabra, no xénero femenino, e ven a dicir o seguinte;
   "GARIPOLA: Nombre verbal, masculino singular, acto de vacilar, titubear o tantear, y adición de morfema de género".
    -- Juego infantil que consistía en hacer contender dos trompos, de manera que vencía aquel que más daños producía en el adversario con el punzón. 
    -- Trompo pequeño que se hace girar con los dedos."
   ¡¡¡Tamén si o nome de "Garipol" ou a súa etimoloxía procede das illas Canarias ...!!!
 
   Cualificaría a conciencia do Ricardo como un home xusto, de consenso, en busca da verdade, tantas veces usada falseada caprichosamente na procura de beneficios pouco rendible.
   Tiven a sorte de atopalo unha vez na "Pena da Cadeira", día e lugar onde recibín a primeira materia xeográfica do noso monte. Era un día de sol, el estaba coa súa muller María (Benilde) vixiando o seu importante rabaño de vacas. Alí sentados, ei impartindo a lección dun "Catedrático Emérito da Universidade de Vida de Labrada". Eu, por natureza mal alumno, oía máis que escoitaba, pero era tanto o contido que expresaba, que te levaba ao momento en que el o viviu.
  E outra vez citámolo, os da "Xunta Rectora da Comunidade de Montes Toxoso I e II, Tremoal e Vigas de Labrada"; nas "Penas Mouras" para que nos situara nomes coñecidos pero con dificultade no emprazamento de nomes da zona da Neveira, Fonte Toxoso, Chao das Campas, Penas de Cociñas, Boca da Amosa e outras. Veu el e a súa filla, xa pesaban os anos nas súas pernas, pero aínda así, recibimos outra agradecida cátedra de coñecemento de transcrición oral.
   Non volvín a velo ata hoxe, data do seu enterro, nove de xullo.

   No recoñecemento ao significado da figura de xente relevante, sempre é preciso deixar de pestenexar para recoñecer o bo facer de esa xente. Na igrexa de Labrada o Ricardo recibiu unha merecida homenaxe en forma de versos recitados por Manolo Regal e escritos por Xosé Antón Miguelez e que agradezo que me permitiran publicar neste medio. 
   Di así:
   
   "Faltaranos , amigo o teu rostro 
   e a túa voz familiar cabo nós,
   pero nunca de ti esqueceremos
   a bondade do teu corazón.

   Todo o ben que fixeches na vida 
   é unha herdanza que habemos gardar, 
   é un regalo que che agradecemos, 
   é unha gra que imos sementar. 

   Desde Deus seguiras de nós preto, 
   andarás o camiño con nós, 
   cara a meta do Resucitado, 
   cara un mundo enchido de amor.

   Temos fe no Deus bo que te estima, 
   temos fe no poder creador, 
   temos fe en quen cura as feridas, 
   temos fe no Deus Pai do Perdón".

                                Xosé A. Miguelez.