mércores, 31 de agosto de 2022

María do Salvador.

 


Amiga María,
María Pita Otero, María do Salvador.
Que encanto de muller!
Como moitos dos nosos maiores
fuches e es unha bendición para todos nós,
para a túa familia, para toda a parroquia.
 
Naciches hai cen anos.
Mi madriña!, cantas cousas che tocou vivir!
Cantas cousas en tempos ben recios que foron os teus!
A guerra de España, a post guerra,
con tantas penalidades e carencias,
tantos traballos e pesares.
 
Pero o amor foi atopando espazo na túa vida.
Primeiro co teu home Jesús,
logo cos teus fillos, Elita, Daniel e Ánxeles,
que soubeches criar en pobreza de bens, como nos pasoua todos,
pero en abundancia de amores, tenrura e coidados,
en abundancia tamén de goberno e equidade para a vida
 
E os amores fóronse multiplicando
cos nomes e vidas dos teus xenros e nora,
dos teus netos, das túas bisnetas.
E os amores foron mutuos,
o moito que ti deches foise convertendo no moito que logo recibiches.
E todos te puidemos ver e admirar
coma unha muller sempre chea de paz, de saúde, de alegria íntima, calada,
paz fonda, total,
que transmitias ás claras coa túa ollada agarimosa, co teu sorriso simple, acolledor.
 
E así ata o final,
rodeada de agarimos e atencións,
sempre cos teus,
no Outeiro, en Labrada, en Lugo,
e agora para sempre cos teus tamén
no lugar dos mortos que viven en Deus.
 
 Que lección máis grande a da túa vida:
Co pouco, co necesario, rodeado de agarimos,
podemos ser moi felices.
E, non sei por que, intúo que esa lección nos vai se moi útil, necesaria, imprecindible:
co pouco, co necesario, envolto en agarimos, podemos ser felices.
 
Grazas de corazón, María,
grazas polos teus que te souberon acompañar e atender tan amorosamente
ata o derradeiro momento.
 
Fuches, es unha bendición para todos nós.
Que gusto pensar en ti e quererte,
que gusto saberte viva en Deus, agardando reencontrarte connosco
e nós contigo.
Un chuchiño, amiga,
meu e desta xentiña toda que amorosamente te acompaña.
Ata aquel día.
  
25 de agosto do 2022

   Manuel Regal Ledo.