... ou o xeito de abrigar os santos.
Pasaron case que 38 anos desde as eleccións municipais de maio do 1983, data na que o Sr López Rancaño saíu elixido alcalde de Abadín a fronte da lista de Coalición Popular. Desde entón pasaron nove maiorías absolutas, moitas oportunidades para medrar, algún desencontro con compañeiros de partido; e moito autoritarismo despótico e caciquil.
Os adxectivos usados na definición, son o resultado da relación que tivo, e segue tendo, ao longo da súa traxectoria política, xa non tanto coas outras forzas políticas, que tamén, senón máis ben coas confiadas e xenerosas xentes do noso concello.
Para poder situar ao personaxe no seu contexto adecuado, aclaremos que o noso alcalde, despois de uns 40 anos vivindo no medio de nós, aínda non ten claro de envellecer no medio de nós, toda sensación que transmite é que non. O que transmite, nun porcentaxe alto, é un fraudulento uso dos bens que posúe polo cargo, transitorio, que ocupa.
Calquera veciño que teña un principio de dignidade e xustiza, ten que doerlle o camiño percorrido polo concello na etapa do mandato do sr López Rancaño como alcalde. Eu, como un deses veciños, propóñome transmitir e dar a coñecer algunhas cousas que demostrarían o pouco cariño que ten o alcalde polo noso concello; a pouca fe nas súas xentes e o e desprezo para para cada un de nós.
Vaia por diante o meu total respecto para os resultados electorais que o PP acadou en cada unha das eleccións municipais nas que gañou por maioría. E aquí é onde ven a primeira mostra das súas maneiras. No seu momento, nunha conversa que mantivemos os dous, saquei o meu lado crítico coa súa xestión; a resposta que obtiven foi a seguinte:
-- "Si, tan mal o fago que sigo sacando maiorías absolutas".
Xa non só comigo, é de sobras coñecido o seu mal temperamento ante as críticas ou opinións desfavorables sobre a súa xestión. A soberbia é tal, que chega ao punto da autosuficiencia, de tal xeito que se convenceu de ser o dono, en posesión, dos destinos do noso concello. Son de sobra coñecidas as ideas que ten sobre o xeito de gobernar o concello; os concelleiros do seu partido e que saíron elixidos democraticamente, tenos por imperativo legal. El goberna autoritariamente, iso, moralmente, tamén define os seus mal chamados concelleiros, mellor lacaios.
Neste novo ano que comezamos fai pouco, estivéronse cambiando os contedores da recollida do lixo, algo que era moi necesario. Para saber cales foron os criterios que seguiron para acometer a obra, non logramos unha resposta coherente. Explícome, no lugar chamado Campo de Prado e onde depositamos o lixo os barrios de Carozo, Chao do Outeiro, Barral de Baixo, Barral de Arriba e Campo de Chao; con un total de 14 casas habitadas continuamente e dúas esporadicamente. Para este lugar foron designados dous contedores, entendemos que insuficientes. Pode que o responsable da asignación do número de contedores teña razón para a instalación desa cantidade. Si así é, no lugar do Fuxe Cabrito, lugar onde están os contedores do barrio do Pazo, con unha vivenda habitada continuamente e outra esporadicamente, puxeron igual cantidade de contedores que en Campo de Prado.
-- No Fuxe Cabrito dous contedores para dúas persoas.
-- En Campo de Prado, dous contedores para trinta persoas.
Asemella non usar a ecuanimidade no reparto. Terá algo que ver unha casa que adquiriu un señor que non vive en Labrada, como segunda ou terceira residencia? Ou é outra cacicada? Si tendes ocasión, preguntade no concello.
Os que coñecedes Labrada, podedes ver a importante transformación que sufriu o contorno da igrexa. Pois esa mudanza de aspecto, correu toda a cargo dos fondos da Comunidade de Montes Toxoso I e II, Tremoal e Vigas de Labrada. O alcalde, e non será por non solicitar, non ten a ben nin sequera asfaltar os dez metros ata a entrada do adro pola parte posterior da Casa do Cura. A resposta que sempre atopamos é a seguinte:
-- Vosoutros podédelo facer que tedes moitos cartos.
Labrada, como comunidade de montes, ven arrastrando desde fai tempo un litixio con Castromaior, outra comunidade tamén deste concello, sobre deslindes. A xunta reitora da Comunidade de Montes de Labrada ten rexistrados varios escritos neste concello para axudar a clarexar e solucionar o mencionado desencontro; a resposta que se conseguiu e por boca del, entendo que desafortunada, foi a seguinte:
-- "Non pretenderas que ispa a a un santo para vestir a outro?"
Pero a cousa non remata aquí. Esta comunidade de Labrada ten outro problema de deslindes coa comunidade de San Simón da Costa, neste caso do concello de Vilalba. Os topónimos dos puntos de referencia da liña do IGN están perfectamente detallados en toda liña desde o punto de confluencia entre Cospeito, Vilalba e Abadín; non así na zona que comprende e delimita as dúas comunidades citadas; as Penas Mouras, Fonte de Toxoso e Penas da Amosa. Nestes puntos os topónimos descritos non se corresponde coa liña, e polo tanto supón unha importante alteración e perda de superficie para a comunidade de Labrada (Abadín), onde se atopa tamén o parque eólico de "Monseivane".
Coñecedores da situación na alcaldía de Abadín, e polo tanto o sr alcalde, non lle supón ningún pudor que a nosa parroquia, Labrada, perda superficie e tamén ingresos por pago da renda dos aeroxeradores. Poñámonos no caso que desde a alcaldía, ou incluso tamén outras parroquias, definan a situación como "un problema entre estas dúas comunidades". Estaría ben recordar que esta alcaldía goberna e gasta, nun importante tanto por cento, dos ingresos do Canon Eólico, que aportamos as comunidades que vivimos e ollamos cara o Xistral. E o Canon Eólico dos aeroxeradores que están na zona en conflito con San Simón da Costa está a cobralos Vilalba.
Será tan solidario o noso alcalde que non quere que pasen frio os santos de Vilalba?
Isto ao sr López Rancaño, alcalde de Abadín, non lle importa.
Aplaudo este escrito polo claro, concreto, educado e comprometido e valente.
ResponderEliminarA quen corresponda, grazas. Pero valente tamén é identificarse.
Eliminar