mércores, 30 de novembro de 2022

Os montes ....

   
   13/12/1983. La Voz de Galicia.

   "Na agricultura tradicional galega, aquela da que dixo Gallástegui que era perfectamente funcional para os medios de que dispoñía o noso labrego, o monte tiña un papel moi importante.
   
   A explotación agraria compoñíase de terras de labranza, prados e cortiñas e leiras de monte a toxo ou repoboadas, algunhas de carballos que se cepaban pra obter a leña para o lume, a madeira para os carros, grades e outros terbellos e as vigas para as casas. En bocarribeiras de Ourense e Lugo tamén tiñan importantes soutos de castiñeiros que, ademais da madeira, proporcionaban as castañas, tan importantes na alimentación de persoas e animais. Modernamente predominan os montes repoboados de piñeiros e eucaliptos.

   Mais da metade da terra da explotación agraria era a de monte, parte do cal era toxeira que se anovaba periodicamente sementándolle unha ou dúas colleitas de trigo ou centeo pra volver a bótalas a toxo albar que se aproveitaba para estrar as cortes do gando e pra a mantenza das bestas.

   No monte pastaba o gando na primavera na que en calquera lado medran as herbas ventureiras.

   Pero, ademais dos montes de propiedade privada, moitas parroquias tiñan montes comunais nos que facían rozas, collían o mato para estrar as cortes e pastaban o seu gando. En algunhas parroquias a superficie era tan importante que viña a ser o medio de vida principal das súas xentes.

   Pero aló na década dos corenta, o Estado usurpou os montes comunais facendo repoboacións forestais incontroladas que, en moitos casos, foron un fracaso e, en todos, despoxando ós veciños dunhas propiedades que lles proporcionaban os medios de vida, obrigándoos, as veces, a ter que emigrar.

   Nos anos sesenta eu viaxaba acotío por toda Galicia e facía unha sección titulada «Fiestra» nun xornal vigués. O que facía era tirar unha foto de algunha cousa ou feito que me chamara a atención e logo facía un comentario.

   Pois ben, conservo un daqueles traballos titulado «¿Pinos ou carpazas?» encabezado con unha foto na que dous irmáns, veciños de Vilanova de Lourenzá —os irmáns Palacios— miden un piñeiro de catorce anos nos montes do Cadramón; piñeiro que non tiña máis ca un metro vinte.

   Conto alí —resumindo— que paráramos a xantar nunha taberna de Labrada, concello de Abadín. E mentres xantábamos ouvimos falar dos montes e metemos baza. Decatámonos de que aquí se fixera unha repoboación masiva facía anos, aínda que os resultados non foran moi brillantes. No monte chamado «Coto de Cal» os pinos plantados fai catorce anos non chegan a un metro de altura. Noutros como no chamado «Veiga do Tremoal», pinos de dez anos non acadan vinte e cinco centímetros de alto. Mais ca pinos semellan carqueixas. E pra iso privaron os veciños destas tesas cumes do seu medio de vida: vacas e cabalos bravos que percorrían a serra, ben afeitos ás duras condicións do clima da montaña.

   A falcatruada fora tan patente que —no tempo da miña crónica— xa se intentaba corrixila, acoutando as zonas máis húmidas pra facer pasteiros nelas. Así, para aqueles veciños que tiñan algunhas terras propias que lles permitiron sobrevivir, chega aínda unha certa compensación, pois agora poden de novo manter gando nas zonas de pasteiros. Pero moitos, os mais pobres,tiveron que abandonar os seus lares e marchar sabe Deus a onde. E todo porque o mandonismo de turno impoñía, a súa dura lei, sen importarlle as consecuencias que puidera ter para as xentes campesiñas.

   Afortunadamente os tempos cambiaron. Hoxe non sería posible facer algo semellante. Hoxe, incluso os paisanos da zona mais apartada, protestarían e farían valer os seus dereitos. 

   Pero as falcatruadas son malas de remediar. Lévase anos falando da devolución dos montes ós seus lexítimos donos. Pero, como en Galicia a parroquia aínda non ten personalidade xurídica — malia que figura, no Estatuto de Autonomía a posibilidade de facelo— as cousas van tan amodo que chegaremos a netos sen velas resoltas.

   E iso importa moito porque unha lexislacións realista e axeitada neste ámbito, pode completar a extensión territorial das empresas familiares agrarias e das cooperativas comunitarias que chegaron ó teito das súas posibilidades económicas, condicionadas pola falla de terra.

   Sabemos de algunhas que acadaron xa esta posibilidade, pero outras vexetan, atravesando unha verdadeira penuria que soamente un incremento territorial lles permitirá superar.

   Dixen antes que os tempos cambiaron, pero as situacións inxustas mantéñense, pois ós veciños a quen se lles privou dun medio de vida por facer un consorcio no que eles non tiveron arte nin parte, deberían ter unha xusta compensación, entregándolles a parte que lles corresponde directamente a eles, sen intervencións dos axuntamentos, e despois tería que artellarse un sistema de axudas e incentivos para poñer eses montes en explotación, segundo as súas calidades e posibilidades forestais ou gandeiras. Para favorecer unha explotación comunitaria poderíase contemplar a posibilidade de que aqueles veciños que en minoritaria non quixeran participar, quedaran privados das producións obtidas por un determinado número de anos, aínda que se respectase o seu dereito ao monte, que recobrarían, cando se integraran, cos seus veciños, nunha explotación axeitadamente planificada. O Servicio de Extensión Agraria podería ser o titor da posta en marcha deste sistema que podería dar nova vida a moitas das nosas aldeas que hoxe esmorecen lamentablemente".

   Por AVELINO POUSA ANTELO.