N-o corutiño d´a serra
deixóume miña maíña
unha pequeña casiña,
lonxe d´a farsa e d´a guerra;
está n-o millor d´a terra,
entre penedos xigantes,
con inllós regurgullantes,
e con queiroguentas flores,
ca´andras e reiseñores
e mil páxaros cantantes.
N-a casa teño anduriñas,
y-a noite, n-as lumieiras,
as estrelas feiticeiras
qu´aluman como santiñas;
tamén teño as abelliñas,
que fan, pra Nosa Siñora,
cera, que ll´hei dar, cad´hora
que se ll´apague unha vela,
porqu´é d´o ceyo unha estrela
que todo santiño adora.
Salúdam´o sol primeiro
que os poderosos d´a terra,
alento o celme d´a serra,
e recréam´en xaneiro,
branca neve, y-o luceiro
tamén me ven saludar;
desd´a porta vex´o mar,
aldeas, corgas e vales;
canto teñen os mortales,
desd´aquí, se pod´ollar...
Non m´importa que vivir
teña, con pan de centeyo,
se vivo cerca d´o ceyo
e pra él hei de subir;
s´en paz aquí poido rir
y-amor poido desfrutar,
n-un sinxeliño fogar,
cheo de santo cariño;
¡máis qu´o d´un rey!, que o ceiño,
por sorte, me quixo dar...
Por unha corona d´ouro
non troco a miña caseta,
qu´está d´o mundo n-a meta,
sendo, pra min un tesouro;
y-anque teño´o color mouro,
ten branca paz escondida;
ten a alegría d´a vida,
contento d´omeu deseyo,
e, desd´éla, hei d´ir o ceyo
vivir c´a Virxen querida.
LEOPOLDO ROJO IGLESIAS.
Poesía mencionada no concurso literario organizado pola Asociación da Prensa e publicada no diario El Progreso o 11 de outubro do 1933.
Para máis coñecemento sobre Leopoldo pódese visitar os enlaces seguintes:
- https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?control=ADGD20210529580
- http://www.blogoteca.com/doural/index.php?cod=151871
- https://labradeses.blogspot.com/2023/04/leopoldo-rojo-iglesias.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario