As orixes da división parroquial en Galicia, ten os seus comezos nos tempos dos suevos cando estes organizaron eclesiasticamente o reino creado en "Gallaecia". As parroquias
convertéronse en agrupacións de casas e familiares. O seu recoñecemento non está oficializado na actualidade, mais a sociedade galega aínda as recoñece como institucións propias e definidas claramente os límites na contorna. Os núcleos sociais comparten elementos identificables que xeran unha comunidade, como é a igrexa, o cemiterio, as festas
tradicionais; e tamén a identidade individualizada e característica de cada unha delas.
San Pedro de Labrada é unha das 19 parroquias do concello de Abadín, limita ao norte coas parroquias de San Xurxo Cadramón do concello do Valadouro e Santa Mª do Pereiro do concello de Alfoz; cara ao nacente con San Martiño de Figueiras do concello de Mondoñedo e San Xoán de Romariz; cara ao sur con Santa Mª Madanela de Fanoi, San Xoán de Castromaior, San Bartolomeu de Corvelle e Santiago de Samarugo do concello de Vilalba; e cara ao poñente con San Simón da Costa do concello de Vilalba, e Santa Mª de Montouto.
Dentro dos límites territoriais do concello de Abadín e referíndonos a súa extensión, a parroquia de Labrada é con diferencia a mais grande con 5.735 ha (19.751 todo o concello). Por mor da súa ampla extensión e relevancia e como xa quedou exposto anteriormente, tamén comparte límites cos concellos de Valadouro, Alfoz e Vilalba. Primeiramente imos aclarar as desavinzas que xurdiron a partir da instalación dos parques eólicos na zona de Penas da Fame, Pena de Torres, Veiga Rubia, Penas Mouras, Fontes de Toxoso e Penas da Amosa ou tamén da Cociña.