O autobús baixaba dende Montouto e
pasaba polo Campo de Carreiras antes das nove e media, os rapaces do Barral
tiñamos que erguernos as oito para poder ir a escola.
Aquel vinte de novembro foime chamar miña nai. Durmía co Veiguello no cuarto de
enriba da cociña e o despertar sempre me atopaba co olor típico do lume feito
de toxos e xestas, e do fume da lareira que subía polo pendurado e pasaba tamén
para onde durmíamos. Aquel día se cabe era máis forte, xa que era a matanza e
unha caldeira de auga fervía enriba do
lume. Aínda durmido, ao chegar a cociña estaba a radio prendida, tamén como todos
os días. Dende que o Sr. José Ramón, o Zocas de Zoñán, lle vendera unha radio ao
Veiguello sempre estaba prendida para oír as novas; de súpeto todos quedaron
quietos, parados... "Franco ha muerto" ... miúdo paradoxo: o día que matamos os cochos na
miña casa tamén morre Franco. Non hai porqueiro que non lle chegue o seu S.
Martiño.
Dende ese día o noso país empeza un réxime
democrático afianzado, cando en decembro do 1978
xuramos a constitución. Morea de artigos redactados por señores saídos, maioritariamente,
da etapa da ditadura, pero que chegaron a puntos en común para saír do pozo no
que vivíamos. Algo que hoxe, coa carencia intelectual da clase política que nos
oprime, sería pouco probable.
Onde quero chegar?. Vivimos coa
sensación de desgoberno da presunta "clase" política, de estar ignorados por persoeiros de fedorenta moral. Ollemos sen ir máis lonxe a nosa
parroquia do Concello de Abadín: Labrada.
Labrada ten unha morea de recursos dos
que se aproveita a nosa xente e tamén o resto do concello. Non está de máis
recoñecer o gran número de aeroxeradores instalados nos nosos terreos comunitarios,
terreos comunitarios de Labrada. O concello recibe un canon por eses mesmos
aeroxeradores chamado "compensación medioambiental" co que ingresa
uns 400.000 euros. Pero, que parte recibimos quen xeramos eses ingresos? Nas
solicitudes rexistradas no concello sobre necesidades da parroquia de Labrada
ningunha, nin a primeira foi atendida.
Solicitouse reiteradamente e por escrito
ó Sr Alcalde un resumo dos investimentos realizados en Labrada en varios cursos
económicos e inda agardamos. Reunimos con el a Asociación Veciñal e a Comunidade
de Montes, o Sr Alcalde non soubo facilitar ningún dato, ningunha contía, so
recordou que temos pistas e estradas. Pero
vamos home!!! Nos nosos montes temos vertedoiros incontrolados, carecemos
de suficientes colectores do lixo en determinados sitios e a resposta do concello é que son moi caros. Temos camiños municipais por onde se sacou madeira e agora
nin as vacas poden camiñar. Temos solicitado a desafección da escola de Carozo
dende fai máis de cinco anos e sen resposta.
Sr Alcalde, se me puidese escoitar diríalle
... Lembre que foi elixido por nós, polos seus veciños. Que nós, os que o
votaron e mailos que non, temos o dereito de saber como manexa as cousas, que
os 2.285.338 euros que vostede rexe son dos 2646 veciños, non son seus. Teñen a
obriga de escoitarnos, de dicirnos e de preguntarnos. Tan complicado é responder o que se pregunta cando o que quero saber me incumbe? A miña gran
dubida é ... por que tanta penumbra, tanta néboa con Labrada? Esconde o noso
concello algo que non se debe saber?
Mire Sr Alcalde, D. José María, pódenos dicir en que se gastaron os 2.285.338 euros do presuposto do ano 2013? Ou non
quere, ou non sabe ou non pode? Ou non podo preguntar? Ou os que vivimos
mirando para O Xistral recoñécennos menos necesidades que os que miran cara á a
Terra Chá? E... remataranse as obras algún día na praza de Abadín? Cando vai
cambiar de novo o alumeado entre Gontán e Abadín? Os empregados ou contratados
do Concello farán algún traballo algún día fora das beirarrúas da zona urbana? E...
creo, supoño que seguindo a costume pola que se rexen as xentes da alcaldía,
nada do aquí exposto será tido en conta. Pero, "non hai santo que non lle chegue o seu día".
Mentres tanto seguirei recordando, con
dignidade. O día aquel non houbo escola.
Ano 2016, Manuel Rivas Cortiñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario