xoves, 1 de outubro de 2020

Vellos camiños sen xente.

   Hai poucas xentes que sintan simpatía polos camiños vellos. Eduardo Marquina, nun dos seus poemas, pensa con moita delicadeza e emoción no primeiro que os abriu. 
Fué un mozo que pasaría por aquí cantando
la hierba no miraría que pisaba andando
la guija que se salía de su pie saltando.
   Un pensa con algo menos de ambas cousas no que os cerra.
   Recordo un camiño vello, tan vello e fondo, que as raíces das árbores que lle daban sombra retorcíanse no aire a un e outro lado. Era impresionante ver navegar os ataúdes dos mortos cara a igrexa por aquela corredoira empinada e fonda. Un día, despois de moi poucos anos, xa non puiden pasar por el. Estaba cegado. Cegado de sombra e de medo os defuntos, todo erosionado polas avenidas do inverno.
   Os aldeáns abriron outro por terras altas e abertas, dando unha enorme volta, a través de searas de centeo e pataqueiras.
   ¿Quen sería o derradeiro en pasar por este vello camiño de mortos?
   E triste a sorte dos vellos camiños abandonados. Menos mal, sen embargo, cando se perden totalmente, cando deixan de ser camiños, e, a forza de afundirse, como o que mencionei, convértense en regatos invernizos, alegres de augas bravas e novas. O malo é cando se quedan en camiños quietos, en camiños sen xente, abandonados, sós.
   Na Galiza hai moitos de estes. O abrirse as estradas, o esborrallarse os mosteiros, o perder o rango de antigas feiras, foron eles quedando sen xente, sós, coas súas cruces mutiladas, coas súas pontes derrubadas, coas súas fontes cegadas, e unha herba máis triste que o esquecemento medrando sobre o seu peito.
   Un destes camiños é o vello Camiño Real de Mondoñedo a Ferrol. Pasaba entre as serras do Cadramón e o Xistral ao norte, o Cordal de Toxoso ao sur, atravesando as Pontes de García Rodriguez onde se bifurcaba a Ferrol e a Coruña.
   Eu non sei en que época se abriu, porque non me entusiasma pensar no seu primeiro pisoteiro. Os do país contan que os correos de outros tempos facíano de luceiro a luceiro. Eu teño as miñas dúbidas. É, desde logo, un camiño heroico, de fortes pendentes, solitario e de belos e longos horizontes. Hoxe está cuberto de herba e só se distingue polas mouteiras de granito que ao carón e a outro o ían balizando, de cada dez metros, aproximadamente, para seguilo en tempos de neve. Os tramos marcábanse por fontes, rochas, outeiros e cruceiros: a Enfesta, Coro da Arca, Cristo de D. Lucas, Fonte Montouto, Cadeira, Penarredonda, Montemouro, Castelos de Requeixo, Fonte dos Cregos, ....
   Do antigo comercio deste camiño sei apenas que por el circulaba o xeo da neveira de Labrada e de Montouto para a cidade departamental e a episcopal. Por el pasou na primeira metade do século XVIII o bispo de Mondoñedo Fray Antonio Alejandro Martín Sarmiento, o primeiro vicario  castrense de Ferrol. En épocas máis remotas, por el ían e viñan, coa súa tropa de trastamareses, o conde de Traba e a súa dona, a cumprir o santo Precepto en Mondoñedo, ata que Gelmirez privou de esta honra á parroquia de S. Rosendo. A principios do século pasado, cara ao corenta, era frecuentado por milicianos e partidas carlistas. Estes conservan aínda os restos do seu cuartel na Fraga Vella. Despois foino só de greas de cabalos, de manadas de vaquitos de Gontán, de lobos e de ventos.
   O derradeiro que fixo este camiño, teño para o meu que foi Benedicto Moll.
   Benedicto era suizo e buscador de tesouros. Na busca dun marabilloso estivo en Santiago, onde lle sucederon estupendas aventuras. Aquí encontrouse con Jorge Borrow que lle deu algúns cartos. Fracasado no seu empeño, foise para a Coruña, e de a Coruña, buscou o camiño de Francia polo Real de Mondoñedo, onde se encontrou con "unha cidade, ¡och!, chea de cóengos, curas e frades, todos máis carlistas que don Carlos". Esto foi cara o 1840.
   Pero, como xa dixen que os derradeiros viaxeiros dun camiño emociónanme moito máis que os primeiros, a este Benedicto Moll dedicarémoslle outro artigo un día calquera. Hoxe quedei aquí no Camiño Real de Mondoñedo, entre xesteiras e toxais, en terra de brañegos e camiño de Francia.

    *O autor do artigo é Aquilino Iglesias Albariño, publicado, orixinariamente en castelán, o día quince de xullo do 1949 no periódico La Noche. Traducido polo autor do blog.

Ningún comentario:

Publicar un comentario