Labrada, encantada.
No día a día, nos traballos, na casa, as xentes con sabedoría de anos enriba das costas vivían influenciados por costumes ou crenzas relacionadas coa mitoloxía ou influenciadas por ela. Imos facer mención dalgúns deses condicionantes. Labrada, como a maioría das aldeas da nosa terra, tamén ten as súas lendas e historias mitolóxica. Lendas que nos chegaron os nosos oídos a través de da voz popular, oídas o carón de unha lareira en noites alumeadas con candil de gas ou de carburo; soprando un recio vendaval. É de salientar as fermosas lendas que fan referencia os "encanto" e as "visións". Os encantos fan referencia a forzas relacionadas co mal e as visións relacionadas coa morte .Os "encantos como xa dixemos, son seres relacionados co mal, pero sen ter un enfrontamento coa xente. Podían entrar polos fachineiros das paredes, por debaixo das portas, ou por calquera outro furado. Contan as lendas que o mellor xeito de defenderse de estes seres son os cruceiros.
Quizais a día de hoxe o máis doado sexa poñer en dúbida o que os meus oídos escoitaron en algunha de esas noites; pódese argumentar que as noites tétricas axudaban a imaxinación, pode que fora así, pero aínda sendo así, o que non se pode negar é que estas persoas tiñan un profundo poder para sentir algo que custa imaxinar, e por outro lado dicir que non é un patrimonio só de Labrada.
Quero tamén dicir que no seu momento fíxose unha tese de antropoloxía pa Universidade de Santiago sobre o "Pozo dos encantos".
Os encantos.
Contaba miña avoa, a Alicia do Fondo da Vila, e aínda hoxe miña nai; que no no chamado "Pozo dos Encantos" era doado ver galiñas con pitiños e tamén carneiros que desaparecían no pozo. Fermosas mulleres que tendían roupa de unha fermosa brancura e que tamén desaparecían cando alguén se achegaba.
Conta miña nai que os da "Casa de Blanco" faltáballes a egua da man, que era branca, entón viron unha egua sobre os prados "de Xaniño" e a Sra Antoña, muller de Pedro de Blanco, foina a coller e como pola pontiga non se pasaba xa que era moi estreita, había que cruzar o río, e a sra Antoña púxose de acabalo na egua e o cruzar o río a egua desapareceu e a Sra quedou no medio do río.
Moi preto, no mesmo lugar , no camiño que subía cara as "Candelás" e "Tapetín" era forzoso cruzar o río que baixaba dende as vertentes da "Neveira" e tamén dende a "Cadeira", no sitio de cruzar o río chámase "O Caneiro". Quero recalcar este nome xa que pode ter un dobre significado.
Se o seu nome é "O Caneiro" é unha especie de dique ou presa construída en diagonal no curso dun río, dende onde se pesca ou coa que se desvía a auga para poder pescar. Pero se o seu primoxénito nome era "Canouro" xa Manuel Murguia no seu libro " Galicia: Sus monumentos y artes: su naturaleza e historia"; e tamén Vitor Vaqueiro no libro "Galicia Mágica" fan referencia a este ser sobrenatural asimilado a un espírito das augas e dos bosques.
Outro conto que chegou aos nosos oídos dun xeito popular foi o que contaba o Emiliano do Fondo da Vila.
Contaba que seu avó lle dixo a súa esposa:
-Mete o carneiro para a corte, deixástelo fóra e está diante da porta do alboio.
Ao querer metelo para dentro o carneiro marchou correndo cara á fonte e baixou pola costa, cara o pigueiro, e seguírono ata o río onde desapareceu entre as augas.
Milleiros de anos as augas aloumiñaron estas lastras naturais para facerse paso, ata facer a fermosura que as fotos reflexan.
O Pozo dos encantos hoxe, agosto de 2014.
A Santa Compaña.
Coñecida na nosa parroquia tamén co nome de "visión". Trátase, sen máis, da percepción a través da vista, olfacto ou do oído de situacións complexas ou difíciles de explicar. As persoas que teñen este dote poden predicir, ver, escoitar cousas que moito teñen que ver connosco, co noso día a día, e sempre relacionado coa morte. Tamén hai unha crenza que, as persoas que viven estas situacións, foron bautizadas, por erro, cos óleos da extremaunción. A miña opinión, que ninguén debe ter en conta, é que esas persoas teñen un don, un poder ultrasensorial, pero que nada ten que ver con aceites.
A estreita relación que ten Labrada, coma toda Galiza, pode levar a pensar en suxestios ou similares, pode. Pero pode que non.
A relación pode suceder, como xa dixemos, de tres xeitos a través da vista, olfacto e oído.
Podo enumerar, dicir nomes de xente que tivo e ten relación cos do "mais aló" e contar os seus "contos de medo".
Un bo xeito de poder sacar conclusións é vendo os seguintes videos:
https://youtu.be/M3NIHRrrLXQ https://youtu.be/tqu9tjfMXfU
O Trasgo.
O demo anda polo mundo a todas as horas, polo día e pola noite; pero o trasgo non sal agàs pola noite; pois seo colle o día, estoupa coma unha castaña e vaise para o inferno de onde volve a saír tan axiña coma ven a noite. É o trasgo amigo de andar cos argadelo. Tamén o é de andar cos caldeiros e coas potas das cociñas, cos cales, as veces pasa toda a noite remexendo neles.
Cando se vai por un camiño de noite, non e bo catar para atrás, pois ao facelo pódese atopar un co trasgo ou co demo. Tampouco se debe falar de noite a ninguén, aínda que se coñeza a xente xa que o trasgo aparécense de moitos xeitos, pódese dar o caso de ser o con quen se fala.
Como o trasgo quere reparar sempre o dano que fai, pra que non saiban quen o fixo, póñenlle unha cazola con auga ou con millo para que cando pase o tire, entón o trasgo ponse a apañalo, pero o ter as mans partidas non pode apañalo, dáse o caso que pasa a noite e chega o día.
O Bataneiro de Labrada, oímoslle dicir que atopándose na cociña unha noite do mes de xaneiro na compaña da súa muller, viu baixar pola camalleira un año mouro que, era o trasgo. El, entón colleu un tizòn e fixo no aire unha cruz e un circulo, e o año desapareceu. Pero de alí a un anaco, volveu o trasgo, pillou a muller e púxose a subir pola camalleira arriba o tanto que metía uns berros que mesmo metían paboría. Máis o Bataneiro botoulle as mans as saias da muller e tróuxoa para abaixo san e salva, agás unhas poutadas na cabeza e nas mans. Despois o trasgo andou polo lousado berrando e petando nas lousas.
Tamén se pode aparecer en forma de besta, e téñense dado casos de que o ver as bestas, montábanas e cantos máis montaban máis longas eran; pero pasando un río as bestas desaparecían e os que as montaban caían na auga. Máis si ás bestas lles poñían un cordón de San Francisco, non desaparecían hasta que llo quitaban.
O Bataneiro, Ricardo, foi un veciño noso que naceu nas Basilias, e casou no barrio do Outeiro. Por causas alleas a el sufriu cárcere; en outro capítulo falaremos de el.
Os tirizós.
Como ao longo de toda Galiza, tamén Labrada sabe da lenda dos tirizós; inflamación das pálpebras que, segun conta as persoas maiores, sae cando te cruzas con unha muller preñada e, se a ela dálle a gana, pódecho botar. Tamén a lenda nos dá o antídoto, o cruzarte con unha muller e se vas comendo un pique, ofrécelle algo de comer.
As areas de sal.
- Un dos primeiros recordos que eu teño asociado as supersticións é do último día do ano, o día de noite vella. Recordo desde pequeniño que miña nai, a Esther, poñía no pel da ventá 12 areas de sal, en liña, e cada unha representaba o seu mes correspondente; separadas entre elas a unha certa distancia para que a humidade que soltaran non se xuntara, o motivo era saber que tempo ía facer o longo do ano. O momento de poñelas era antes das 12 da noite e pasaban alí a noite ata o outro día pola mañá. O outro día, cando ían velas, podían saber que tempo íamos ter o longo do ano. Sempre sacando conclusións do saber e da vida.
As baballas.
Outro recordo que teño é do día do bautizo do Senen, fillo do Manuel da Angelita e da Mª Felicia das Carminas. Iamos camiño da igrexa e, o saír da casa a Sra Antoña, avoa do Senen, díxome que no camiño ata a igrexa non mirase cara atrás. A consecuencia dese feito era que o neno ía ter constante baballas e mocos na súa nenez.
Cocendo.
Como toda tradición que procede de tempos escuros e famentos, a comida non é allea a xestos e feitos supersticiosos. Por exemplo o pan; cando se enceta un bolo é de cumprida obrigatoriedade co coitelo facer a sinal da cruz pola coda de baixo. Tamén se cae algo de pan no chan ó collelo débese darlle unha chucha.
O remate de amasar unha fornada, e tamén os bolos, acostúmase facer o sinal da cruz, tanto na masa coma nos bolos.
- Facer unha boa fornada non é cousa sinxela, solicita ter bos temperos de maos e tempo, condicionado tamén pola situación climatolóxica. aínda así, cando o demo se mete na casa pode facer que as fornadas saian sen levedar ou sen alzar o que sería preciso; saíndo un pan frouxo. O remedio usado para situacións tan complexas é ben sinxelo. Facer que outra persoa de fora da casa, coza a fornada. O que aquí escribe pode dar fe do feito que aquí se relata.
- Nas casas, a hora de facer unha enceta no pan, antes da primeira rrebada, é por costume facerlle a sinal da cruz na parte de baixo do bolo. Tamén se cae algo de pan o chan, é por costume, o recollelo, darlle un bico.
Sta Barbara.
- O respecto as forzas da natureza é de supoñer que fixo que a xente buscara aliados nas crenzas. Cando trona, son varias as "proteccións antropolóxicas" das que se pode botar man. Primeiramente está o loureiro bendito da semana santa; cando hai tormenta bótase o loureiro no lume a fogo morto para que o fume faga espalecer a tormenta. Outra costume é poñer a pa con que se enforna pegada a casa para que esta protéxea. Tamén na nosa parroquia úsase a campa pequena, Santa Barbara, para que a tormenta non nos afecte. Como xa se mencionou en outra páxina neste blog, a nosa campa non é querida nas parroquias veciñas xa que, no caso de ser unha tormenta importante, fai que espaleza aquí e descargue noutros lugares.
Os animais.
Con respecto os animais temos tamén as nosas peculiaridades e botamos man das crenzas pagás para ter un plus de axuda nas solucións de calquera contratempo.
- Cando pare unha vaca e ten un parto complicado e non sae a placenta antes das 24 horas, non se limpa, tense por costume ir apañar nove verzas a horta dun veciño e darllas a vaca para que as coma; así tense a certeza de que se limpará de seguido. Sempre nove.
- Os hóspedes das vacas e dos cans. Cando algún animal, principalmente vacas ou cans, teñen algún tipo de comida colgando da boca, dise que é sinal de visita.
- Tamén, pola contra, temos animais con fama de ser desabogosos. Un deses animais é a pega común. A sabeduría e as crenzas populares din que cando unha pega ven arrechouchiar cerca das casas, é un síntoma de perdas na casas, asociadas o gando. É ben destacar que a pega é unha ave de unha gran intelixencia.
- Tamén o can, o gran compañeiro dos labregos e gandeiros. Intelixente e leal. Compañeiro en todas as tarefas do gandeiro, e sen dúbida de gran axuda. O seu gran olfacto, sérvelle tanto para saber de unha cadela en celo a quilómetros ou para osmar a morte.
Cando un can ouvea con certo e peculiar xeito, e o anticipo das sinais da morte. Non todos os cas dan sinais da percepción, pero é ben certo, e dou fe do que aquí expoño, que aqueles cas que posúen esa recepción das sinais, fano con un ouveo lastimoso, en casos case chorando; e algunhas veces situándose de cara o lugar do futuro falecemento. Teñen o seu xeito, instinto, de olfatear a morte.
O lume.
- O lume, un dos catro elementos do estado da materia, ten tamén o seu encanto antropolóxico. Nas lareiras, aparte de dar calor e acollida nas longas e crúas noites, tamén aportaba mensaxes climáticos. Moitas noites foi preciso ollar para el, pode que en situacións de melancolía, para poder entender o seu significado dependendo do xeito de alumear.
Recordo noites rodeando o nosa lareira, na casa do Veiguello, na que, se se metía o gato dentro non tiña por onde saír, xa que era unha total "adoración o lume". Quentando as mans, chorando os ollos polo fume e as boinas e panos brancos polas charamuzas. Algúns días o lume facía certas cousas que os maiores, o Veiguello, Jesús da Angelita e tamén seu irmán German, sacábanlle o seu significado.
A situación dábase do seguinte xeito: de súpeto saía de un tizón un son característico, un soprido fino e intenso, acercándose a un principio de asubío imperceptible, acompañado de unha chama que sinalaba cara a un determinado lado e máis compacta e tamén intensa, a dirección da chama sinalaba o orixe do vento. O color da chama tamén podía variar, sempre o facía, basicamente en dous ou tres cores, branco, agrisados e azul escuro intenso. O branco daba sol, as agrisadas néboas e o azul choiva.
Os felgos.
"Din nas parroquias de Abadín que a felgueira florece as doce da noite da véspera de San Xoan.
E tamén din que certo suxeito, antes de dar as doce dese día, tapou con un pano unha felgueira pra ver si era certo o que se di da flor, pero deuse o caso de que cando el quixo mirar o que pasara, quedou cego".
A camalleira.
Outra das normas dentro da casa era que non se podía asubiar xa que, si así se facía, subía o demo pola camalleira.
Enramado e Lume Novo.
Chegado o solsticio do verán, aparte da celebración das festas do San Juan en Romariz e días despois a celebración da nosa festa parroquial, pero mentres todo iso acontece, en cada unha das casas e nos barrios, acontece un feito antropolóxicamente fermosísimo.
O enramado das casas e o lume novo. O enramar as casas consiste en adornalas con xestas coloreadas de amarelo, abrulas ou calquera outra planta colorada. A abrula, aparte de ser unha planta medicinal, crese que espanta as bruxas e meigallos, que protexe as xentes da casa de enfermidades ou calquera outro mal. O enramado é preciso facelo antes de que se poña o sol.
O Jesús da Angelita enramando a casa en xuño do 2015.
O lume novo consiste en converter en cinza, eliminar todo o que de negativo moura na casa. Faise individualmente ou por barrios. É un momento de risas e foliada, aproveitase para facer o lume máis grande e visible, e como xa dixen, queimar aquilo que non ten proveito.
Son variadas as lendas refráns e costumes que xorden o redor do enramado e lume de San Xoan.
Díse que os felgos florecen as 12 da noite da véspera do día de san Xoan.
As silvas chegan a atravesar un camiño a noite de San Xoan.
Facendo un pequeno lumiño novo o día 23 de xuño do 2014. O Jesús e Germán da Angelita; a Esther e o Luis do Veiguello.
O mesmo día, 23 de xuño do 2014, o Jesús e Germán; máis a Felicia, coñecida na parroquia por Articiana das Carminas, a Esther e Luis do Veiguello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario