venres, 29 de maio de 2026

O relato de unha neta



    
   Amigos e veciños da María:

   Nestas liñas que ides ler quero falarvos da miña avoa, María Antonia Carracedo Coira, que dignificou a idea de ser muller de aldea e levou con pracer o nome de Labrada, sentíndose fachendosa da terra que a veu nacer. A súa longa vida, xa que morreu en maio do 2026 con 101 anos, dá para moito que contar. A finalidade é salientar o seu camiñar e honrar a súa presenza como tamén salientar algunha das cousas que me transmitiu e que, con humildade, quero dar a coñecer.
 
   Esta muller que viviu toda a vida en Tibián, un barrio de Labrada, naceu concretamente en Xanaz, pasando unha tempada no Coto ata acabar vivindo na casa que fixo no barrio da Poza o seu home coa axuda de veciños e familiares traendo as grandes pedras con carros dende o lugar do Portamil, grandes pedras de granito. As mans rudas e fortes tal como era ela e a xente desa época: FORTE.
 
   María foi unha muller que se pode dicir que a súa vida, e sobre todo os anos de moza e seguro que como a xente da súa xeración, sinteuse condicionada polos acontecementos vividos na Guerra Civil de primeira man se podería dicir xa que me contou relatos tan tráxicos como cando as tropas franquistas viñan buscar aos homes para a guerra e estes escondíanse no monte ou en montós de esterco, pero as tropas xa o sabían e cravaban forcadas para sacar a xente encuberta, viva ou morta. A tristura das nais e irmáns, de nenos e nenas que viron e viviron esa época foi enorme e foron xeracións moi marcadas. Por outra banda, e xa máis maior puido ver nos medios de comunicación como se iniciaba outra guerra entre Rusia e Ucraína, as vágoas enchíanlle os ollos ao lembrar as penurias das guerras onde xente inocente paga as desgracias doutras persoas que miran a batalla dende lugares nada perigosos para a súa vida. Nesta última guerra de Oriente máis recente xa non foi consciente pero tamén foi simultánea a súa vida.
 
   non só penou as desgracias das guerras senón tamén as das enfermidades da súa época que me ten contado como as neumonías, a tiña, sarna etc, tamén experimentou no seu corpo, xa achicado pola idade, a enfermidade da Covid19, na cal os médicos que a atenderon o vela cos pulmóns encharcados e a súa idade avisaron á familia que se despediran dela pois sería un milagre que vivira. Máis para sorpresa de todos recuperou pouco a pouco con 95 anos e volveu para a súa casa.
 
   A súas facetas como nai, ama de casa e labrega non foron doadas nun mundo marcado polas represarías da época onde había escaseza e moita autoridade por parte do  mundo que se estaba a vivir, tenme contado como na súa época tiña que camiñar quilómetros para facer os seus intercambios para o consumo e as vendas, como algún día acudía andando á feira de Gontán para vender carne, por exemplo, e viña camiñando con unha caixa de porcos pequenos na cabeza que bulían dun lado para o outro facendo as súas necesidades e caendo por enriba da súa cabeza. Como esta moitas labores e traballos duros da época.
 
   Por toda a etapa na que lle tocou vivir era a muller que era, tocoulle calar e aguantar moitas veces, ver cousas e calar, criar a dúas fillas e sacar o traballo para adiante se non quería ter represálías e de diversa índole (por dicilo de forma suave). Ver a irmáns marchar para o estranxeiro sen saber deles en anos nin poder despedirse deles....
 
   Por todo isto e máis, María tiña o carácter que tiña, muller de paz e de silencio, as súas batallas eran gañadas a través do silencio.
 
   Pero aínda entrada en idade os seus animaliños e os seus netos eran a súa prioridade, e como non, as saídas as Feiras; pois era o seu premio e a súa festa onde se vestía coas súas mellores paxeles, moitas amañadas por elas e outras amañadas pola súa filla Urcesina que foi de profesión costureira, a vocación que seguramente a María lle houbese gustado ser.
 
   Debo confesar que a súa durabilidade igual non foi casualidade senón froitos dos seus hábitos, hábitos dos que tanto recomenda agora a OMS e a Ciencia como andar, exercicio de forza etc. Como o facía ela? pois ata fai uns anos María foi unha muller que fixo exercício camiñando todos os días quilómetros para ir ao montes, buscar as vacas, toxo para extrar as cortes ou o que fixese falta, traballo de forza cos pesos que se collían a diario no seu traballo como  labrega, e non perdoaba os seus minutos de sestas se llo permitían, o seu vasiño de viño ás comidas e dous cafés solos ó día, un pola mañá e outro despois de comer. Agora estudios din que é beneficioso non só como antioxidante senón tamén contra enfermidades como o Alzeimer, sexa por estes hábitos ou por xenética María durou anos e a meirande parte con calidade de vida, pois ata os 82 anos, que rompeu a cadeira non visitara o centro de saúde, de feito o médico nin a coñecía.  Os remedios naturais e brebaxes foron os seus aliados.
 
   Por todo isto é máis, María era quen era e o mínimo que poido facer por ela é compartir este anaco de sentimento, transmitir por medio das miñas verbas o amor e recoñecemento coa finalidade de lembrala eternamente.

   Atentamente:

   A túa neta e afillada Cristina Cuba Carracedo.