Vilalba, Goiriz, As Touzas, Martiñán, Castromaior, Abadín.
Recitándome as paradas restantes ata Gontán, calmaba Elvita a miña ansiedade os venres pola tarde no autobús do Carreiras.
Era a ansiedade do que se achega á súa patria dende o exilio.
Porque na nenez, Gontán era a miña patria. Unha patria que non tiña bandeira, pero tiña roupa tendida ao vento no Campo da Feira. Unha patria que non tiña exército, pero tiña unha lexión de cativos en bicicleta que patrullaba os seus lindeiros.
Unha patria que non tiña goberno, porque cando non sabíamos facer algo, preguntábamos aos avós.
Unha patria sen xuíces, porque non apetecía delinquir.
Iso si, na miña patria da nenez había unha raíña nai: Elvita.
E cando, obrigado, marchei da nenez, ela sempre estivo ao meu carón; pero cada vez que mamá me falaba, eu cría que aínda estaba detrás da cociña de "Casa Valdés".
Grazas mamá.