As orixes da división parroquial en Galicia, ten os seus comezos nos tempos dos suevos cando estes organizaron eclesiasticamente o reino creado en "Gallaecia". As parroquias
convertéronse en agrupacións de casas e familiares. O seu recoñecemento non está oficializado na actualidade, mais a sociedade galega aínda as recoñece como institucións propias e definidas claramente os límites na contorna. Os núcleos sociais comparten elementos identificables que xeran unha comunidade, como é a igrexa, o cemiterio, as festas
tradicionais; e tamén a identidade individualizada e característica de cada unha delas.
San Pedro de Labrada é unha das 19 parroquias do concello de Abadín, limita ao norte coas parroquias de San Xurxo Cadramón do concello do Valadouro e Santa Mª do Pereiro do concello de Alfoz; cara ao nacente con San Martiño de Figueiras do concello de Mondoñedo e San Xoán de Romariz; cara ao sur con Santa Mª Madanela de Fanoi, San Xoán de Castromaior, San Bartolomeu de Corvelle e Santiago de Samarugo do concello de Vilalba; e cara ao poñente con San Simón da Costa do concello de Vilalba, e Santa Mª de Montouto.
Dentro dos límites territoriais do concello de Abadín e referíndonos a súa extensión, a parroquia de Labrada é con diferencia a mais grande con 5.735 ha (19.751 todo o concello). Por mor da súa ampla extensión e relevancia e como xa quedou exposto anteriormente, tamén comparte límites cos concellos de Valadouro, Alfoz e Vilalba. Primeiramente imos aclarar as desavinzas que xurdiron a partir da instalación dos parques eólicos na zona de Penas da Fame, Pena de Torres, Veiga Rubia, Penas Mouras, Fontes de Toxoso e Penas da Amosa ou tamén da Cociña.
Abadín-Vilalba.
O ano 1940 o "Instituto Geográfico y Catastral" levanta acta dos deslindes entre os concellos de Abadín e Vilalba onde se reflexa que non existe ningunha mouteira ou liña límite que non se recoñeza entre as dúas partes. Cada mouteira queda definida e exposta de tal xeito que calquera veciño que sexa coñecedor na súa totalidade do monte pode identificalo con plena claridade.
Aínda así os dous concellos e as comunidades de montes lindeiras non coincidimos nos puntos, e a cuestión é, onde xurde o problema?
O problema apareceu cando as empresas eólicas decidiron explotar o vento que azouta os nosos montes pola boa situación deles, e non haber feito a Xunta de Galicia os deslindes das comunidades como era a súa obriga. Aínda así, se as xuntas reitoras de cada comunidade respectara os deslindes de sobra coñecidos e transmitidos de xeración en xeración aforraríanse moitas disputas e receos entre comunidades veciñas.
As mouteiras entre os dous concellos condiciona directamente os deslindes entre as comunidades, neste caso Labrada con Corvelle, Samarugo e A Costa. As mouteiras dentro do terreo en conflito están todas elas ben identificadas, todas elas. O 31 de xullo do 1940 identifícase, entre outras, a mouteira número 36 na que conflúen as parroquias de Samarugo, A Costa e Labrada: "Denominada Penas Mouras. Desde él se ve al norte el Castelo de Labrada, al este el alto Do Cerro, y al sur el coto Monseiban". A mouteira número 37 identifícase facilmente xa que ao seu carón ten unha pedra blanca de seixo, "Denominada Fonte de Toxoso. Desde el se ve al sur el coto Chao das Campas". A mouteira número 38 ten o mesmo nome, "Fonte de Toxoso" e tamén, desde ela vese o coto "Chao das Campas"; e entre as dúas mouteiras hai unha distancia aproximada de douscentos metros. Nesta zona lindamos coa comunidade da Costa, e eles, de maneira interesada, so recoñecen a "Fonte da Fervenza" que é a que nace na ladeira do "Pastizal da Neveira" e verte cara o "Rio Vellagüente" ou "Rio Labrada".
Na foto aparecen marcadas a esquerda en vermello as dúas fontes de Toxoso, na primeira atópase xunto a fonte unha característica pedra de seixo branco. Dende elas vese o sitio chamado "Chao das Campas". A dereita e de cor amarelo a Fonte da Fervenza, que verte augas polo "Pastizal da Neveira" abaixo cara ao norte.
Na mouteira número 39 "Está situado en el paraje denominado Penas da Amosa y desde él se ve al norte el Cuadramón y las Arcas de Montouto, al este San Antonio de Labrada y al oeste Peña Gaia".
Todas as monteiras están conectadas entre si por una recta que as une, e aparte de describir os puntos de referencia para situalas e recoñecelas, nas actas tamén veñen a distancia aproximada entre cada monteira e o punto cardinal onde queda situada a próxima anterior. Aparte outras achegas figuran nos cadernos topográficos.
Chegado a este punto, e coa única finalidade de achegar claridade, desde a mouteira número 37 "Fonte de Toxoso" a liña fai un xiro de 90º dirección norte para chegar a fonte xa identificada anteriormente e que aparece na foto de cor amarelo. Desde esta fonte é fisicamente imposible ver o coto "Chao das Campas"; polo tanto é doado entender que a liña que marca os lindeiros municipais están mal trazada.
Labrada-Fanoi-Castromaior-Corvelle-Samarugo e A Costa.
Este documento que aquí aparece é o que redactaron e firmaron de mutuo acordo as xuntas reitoras das comunidades de Castromaior e Labrada no ano 1987. Nel figuran os datos persoais dos representantes que naquel momento rexían as comunidades e que reflicten a legalidade e poder do deslinde; o documento foi feito na casa do cura en Romariz por D. Manuel Regal Ledo.
Outro mapa onde se ven os lindeiros das parroquias do concello de Abadín. Este mapa estaba colgado nunha parede do anterior edificio do concello de Abadín.
Estas dúas fotos están no traballo publicado polo Departamento de Geografía de la Universidad de Santiago, conxuntamente co Instituto de Geografía Aplicada del C.S.I.C. Sendo os autores do traballo, Mapa de Límites de las Parroquias de Galicia, Rosario Miralbés Bedera, María Pilar de Torres Luna e Rafael Rodríguez Martínez-Conde.
Plano onde se pode consultar os límites do monte cando na segunda parte da década do 1950 foron feitas gran parte das plantacións nos lugares que dan nome a nosa comunidade; en Toxoso I e II, no Tremoal e nas Vigas.
Que se pretende coa publicación deste traballo?
Demostrar con documentación a idea que Labrada, e en concreto eu sendo veciño e comuneiro; ten sobre a verdade e a incansable loita de demostrala.
O Xurado Provincial de Montes outorgou a base fundamental para que o Xulgado de Mondoñedo lle quitara a verdade os veciños da parroquia de Labrada e, outorgándolle aos veciños de Castromaior a legalidade (non a verdade) dun terreo regalado dende os organismos administrativos (Xunta); e xurídicos, (Xulgado de Mondoñedo). O xurado de montes marcou nos planos as liñas dende as oficinas en Lugo, sen consultar as parroquias interesadas no legal e xusto desenvolvemento dos lindeiros.
Consultando as fotos aquí publicadas vese que non hai un xeito unánime de poder aclarar ata onde chega cada parroquia. Pero si queda claro que nin a parroquia de Castromaior nin a súa comunidade ten os lindeiros que o xurado de montes lles deu. Aparte cada concello ten unha extensión determinada, e aínda que non legalmente recoñecida, tamén cada parroquia ten unha medida de superficie. Polo tanto debéramos ter unha certa inquedanza e preguntarnos quen puideron poñer as bases para saber onde chega cada un.
Hoxe pode que nos custe imaxinar o monte tal e como era fai 1000, 500 ou 100 anos; Todo un ermo. Nas primeiras fotos aéreas que se fixeron foron no ano 1956; nelas aparece un monte pobre, sen vida, pelado. Posteriormente a administración estatal colleuno ilegalmente e plantou pinos onde quixo, roubándolle aos veciños os montes, pobres, que eran da súa propiedade. Xa moito mais para acó, as empresas eólicas déronlle ao monte un valor económico e social que antes non tiña. De aí veñen estes problemas.
Os culpables do problema dos deslindes radica na inoperante función e deixamento da Xunta de Galicia por non facer ela o traballo de deslindar; e por outro lado, os mesmos comuneiros por non respectar o compromiso e cumprimento da verdade que durante séculos, cumpridamente, así foi.
Posiblemente quen marcou ata onde chegaba cada parroquia fora a Igrexa como figura principal e institución. Ao redor da Igrexa vivía unha xente que dependía dela mesma e do dependente abrigo que proporcionaba, fóronse facendo os barrios e as parroquias. Así xurdiría a necesidade de saber ata onde chegar, xa que non moi lonxe tamén estaba medrando outra Igrexa con outra parroquia.
De onde sacaron información?d Os historiadores para publicar estes e outros traballos, que son de necesaria consulta, de algún sitio sacaron as bases para publicar os seus traballos.
O Concello.
A foto que abaixo acompaña está exposta xunto ao valado do adro da parroquia de San Pedro de Labrada. Os selos administrativos que aparecen na publicación, Concello de Abadín e Xunta de Galicia, deberan ter unha indiscutible fiabilidade. Pois unha marquesiña igual debera aparecer en cada parroquia (recoñezo que non fun asegurarme) coa foto exposta da parroquia correspondente.
O aquí exposto é algo irrefutábel; os deslindes eclesiásticos están aí para poder ser consultados e o documento do ano 1987 é de total lexitimidade a pesar de que os veciños de Castromaior non o recoñecen e renegan das firmas dos que eran os seus representantes.
Continuará ....
Ningún comentario:
Publicar un comentario