luns, 6 de marzo de 2023

Luns emotivo. Queres salvar o amor da túa vida?

 
Queres salvar o amor da túa vida?
Queres facelo de verdade?
Pois faino con palabras que, ao caer,
letra a letra, da túa boca
se vaian transformando nos paxaros
azuis da honestidade.

Dillo ao oído: Mira, esta é a miña promesa.
Aquí tela e aquí estará cada día.
E entrégalla como un pito oculto nas túas mans.

E segue falando:
Non me borrarei cada vez que teña medo ás alturas,
nin á primeira costa que lle saia á paisaxe.

Non é tan difícil, ves?
Se queres salvalo, desfai o
pasado e a túa forma de rompelo,
volve sobre os teus pasos,
mira as túas pegadas,
os erros impresos sobre a terra,
e arránxaos con paciencia de artesán,
que é como se gañan e merecen as metas máis altas.

Pon a palabra perdón sobre os teus actos,
e ten un respecto por el, por ela,
abandona a rúa das xustificacións
se a ingratitude foi o teu carreiro
e fai que a desculpa vaia presentable.
Leva as túas palabras a un bo xastre,
vísteas co traxe sedoso da sinceridade
e pide perdón como Deus manda,
coa humildade entre as mans
e o corazón aberto enfronte.

Os dous sabemos que a miúdo as desculpas
son agasallos baleiros,
formas de atrapar a outra persoa nunha gaiola de palabras
recitadas só para volver conseguir os seus favores.

Quen quere a alguén móllase,
empápase no líquido viscoso da dúbida,
e lánzase a corazón aberto á piscina.

Quen non se quere marchar nunca di adeus,
sempre atopa a maneira de quedar
ou de pedirlle que o esperen.
Así que xa o sabes,
se de verdade queres salvar ao amor da túa vida,
fai o que faga falta
e faino a tempo.
Xa hai demasiados amantes estrelados
por chegar tarde
dentro dos libros de poemas.

MARWAN.

Ningún comentario:

Publicar un comentario