mércores, 9 de outubro de 2019
Presa de Auga.
Ainda que polo nadal pouco se podia facer, a xente traballaba, cada un coa finalidade individual que se propuxera. Os días son curtos e o tempo empuxa para os abrigos. Aparte de dar de comer a vicheria, meter leña para o ullar para queimar na longa noite de invernía; estrar as cortes para que as vacas podan durmir medianamente enxoitas e apañar un lotiño de nabos para repartirlles na cea, pouco se podía facer.
Colectivamente había unha arraigada e fermosa costume que chegaba pola noite, despois da cea. As reunións de veciños e amigos ao redor das charamuzas que na lareira abondaban; compartindo os de máis idade os contos de sempre e aprendendo as novidades do día. A xente que se fora traballar a outras provincias tamén aproveitaban as festas para voltar, e así tamén os que estudaban carreiras tamén viñan para os seus fogares. Así que polas noites había a novidade de contos novos e de outros lugares.
Pero xurdira un novo xeito de pasar entretenidas as primeiras horas da noite. As contadiñas casas con algo de poder adquisitivo comenzaran a mercar tecnoloxia da época: as televisións. Xa habia na maioria das casas unha radio, nela entreteníamonos escoitando o noticiero ou programas de dedicatorias ou consultas como De España para los españoles con Maria Matilde Almendros ou tamén o Consultorio de Elena Francis.
As primeiras televisión que viñeron para Labrada foron pa taberna do Domingo de Carreiras no Cordal; para a do Fieitiña no Campo dos Novos e para a casa do José do Mariano na Caveira. Nas tabernas era un xeito de traer xente e que o negocio medrara e funcionara mellor, pero nas casas particulares era un xeito de privar da intimidade necesaria, incluso privando de cear comodamente ou, moitas veces da cea en si.
Non era nada raro que por aquelas datas, andabamos nos finais do mes do nadal, chovera tanto que os camiños estaban completamente enlamados, imposible andar por eles se non era con catiúscas ou zocas de caña. Xa amencera con un forte vendaval e arremetera choiva todo o día, pero ao chegar a noitiña comenzara a cair auga como acostuma a facelo en Labrada no mes que estabamos. A cea xuntárase coa merenda coa finalidade de poder estar xa listos o máis axiña posíbel e sair xuntos para a casa do José do Mariano. Íamos de case todas as casas, menos das que estaban de loito, xa que era costume obrigatorio gardar o loito máis de un ano, sen poder escoitar a radio nin ver a televisión.
Saimos, meus pais e eu, e chamamos os da casa da Angelita e os da casa das Carminas; xa era noite pecha e a única claridade era un tizón que, por mor da choiva, foise apagando paseniñamente xa o pouco de chegar ao camiño das Cabadas. Acostumados que estabamos de andar de noite sen luz, chegamos sen problema a Cabeira de Arriba.
Non fomos os primeiros en chegar, xa por detrás da mesa estaba a bancada toda ocupada con xentes do Xuadento, Carozo e Chao do Outeiro, veciños da Caveira, ... ainda así fómonos asentando o mellor que poidemos, uns en talloas e outros no chan. A cociña era grande e toda estaba chea de xente. A televisión estaba no fondal, na esquina, o máis alto que podía estar; e todos forzando o pescozo mirando para aquela pantalla. Co paso da noite, uns toqueban, outros quizabes dormian, algúns coa boca aberta, pero todos calados; máis que unha alegre reunión de veciños amitabase máis a un velorio.
A chegada da "Carta de Ajuste" indicaba a hora de partir cada un para a súa casa e tamén de deixar descansar os da casa. A noite seguía sendo cruda, ainda que tamén é certo que a fondura das corredoiras eran abrigosas. Eu viña ó lombo de meu pai, guiados pola moi sutil claridade dunha lanterna, a cal non che permitía ver os ramallos que de cando en vez che daban na cara. O ir chegando a Presa de Auga a lamuada tamén era cada vez máis, e para pasar sen mollarse moito, tiñas que arrimarte a parte esquerda do camiño, onde había uns pasos de pedras e raices. Ao arrimarse meu pai para poder pasar, unha silva enganchouseme na zoca, que fixo que se soltara do pe e caera. Coa pouca luz que traíamos todos fixeron o posible por atopala, pero non se atopou, ... ata o outro día pola mañán, que voltou meu pai e atopouna no rego.
A Luis do Veiguello, meu pai.
que bonitas palabras! a ver cuando nos volvemos a juntar
ResponderEliminarEntendiches algo?
Eliminar