luns, 29 de maio de 2023

Luns emotivo. A quen amaches.

 
 
 
   A pesar que sempre tiñamos por costume sentarnos o máis preto  posible, cerquiña un do outro; aquel día sentouse no outro lado da mesa. Chegou tarde, cousa que non adoitaba facer; e axitada. Traía posto o abrigo e a bufanda, era notorio que precisaba sacalo e así o fixo. Tirouno coas ganas que se tira algo que non precisas.
 
   Ante tanta présa, démonos conta que tamén se nos esqueceu darnos o bico que noutros tempos era o comezo de todo. Tamén ese día daba a sensación que nada tiña inicio, ou polo menos nada bo.
 
   Tentei darlle sentido a aquel momento que ningunha parella quere vivir e cando sucede, acaba sendo de todo menos o que eras cando decidías sentar preto para que de maneira nada simulada puidesen rozarse, acariñar os nosos xeonllos.
 
   E cando iso sucedía, comezaba unha prolongada velada que transcorría con sabas que ocultan desexos e que abrigan un coñecido cheiro froito da suor e do compartido....
 
   Sentín a dor do namorado, via o recordo que tapaba a realidade. Sentía o parentesco que me xuntaba á congoxa.
 
   Ainda así, tiña algo para regalarlle, algo que tamén era dela: e principiei decíndolle:
 
 
   "Queda tranquila. O que amaches sempre o terás ao teu lado, terás que situalo e mesmo darlle a prioridade que ti necesites, terá a precisa preferencia no teu camiñar;  pero acompañarate ata a última luz.

   Serán amores ocultos e sinuosos, amores calados e cómplices, confidentes e carentes de nome, irrecoñecibles, ... só ti os adxectivizarás.

   Fermosos.

   Outros serán os amores cómodos, colaboradores e partícipes. Incómodos por momentos. Amores que se queren con dúbidas e incertezas e pode que tamén con dor. Amores con frío.
Amores con portas que encerran un fogar, tan gastado que urxe de reformas ... e só te atreves coa pintura!

   E ao final o imprescindible a renovar, o teu interior tan necesitado de reinventarse, non se toca.

   A pesar das ganas de reformar o dormitorio, no teu amencer, ... atópaste co teu corpo no afundido colchón e o teu incontrolado pensamento voando tan lonxe que non queres controlar o lugar ao que pretende chegar.

   E a afeita hora de raialo sol obrígate a incorporarte para interpretar un día máis a repetida e monótona felicidade dunha vida de hábitos adquiridos, manidos.

   Mentres tanto o teu pensamento e o seu receptor, abrázanse no seu feliz e acordado Edén.

   Pero, queda tranquila, o que amaches sempre o terás ao teu lado"
.
 
O Veiguello.