Non son eu quen vai definir as andainas do Daniel pola nosa parroquia, só quero engadir unha pequena opinión persoal. Quen fixo ese percorrido, íntimo e fermoso, foros as súas netas Susana e Mónica, na voz da primeira. Tamén Manolo Regal fixo a súa achega definindo a Daniel como veciño, labrego e home de Labrada.
Daniel falecía o 28 de agosto, veciño do barrio da Choqueira. Home de mente privilexiada, chea de recordos e anécdotas, que regalaba a quen lle puideran interesar; e tamén, cumpre recoñecelo, de elegante percha.
Manifesto das súas netas.
"Cando éramos pequenas meu padriño sempre nos dicía que tiñamos que falar coa xente, na feira, nas festas ... que era moi feo ver a dúas pícaras que non sabías falar.
Hoxe falo con vós, de todo o que nos ensinou, do amor polo campo, polo idioma e a cultura do rural, o amor pola música e pola xente. E sobre todo, do saber estar.
Falo tamén en nome da miña madriña, a quen a enfermidade non lle permite estar hoxe aquí. Pero que estivo con el ata o último momento.
Recordámoste, aí sentado no banco ao lado da casa, ao que ti chamabas o "mirador", roubándolle tempo ao tempo, como di esa canción que tanto che gustaba.
Sempre te levaremos no corazón, meu padriño".
Manifestos de Manolo Regal.
"NON VOU SÓ
TEÑO UN AMIGO AO MEU LADO
TEÑO UN AMIGO AO MEU LADO
Non vas só, Daniel,
acompáñate o espírito da xente da túa xeración
(a María de García, o Ricardo do Garipol, a Bita nova, o Modesto de Corruvedo, a
Hermitas, a Ibérica, … por nomear a algúns dos últimamente falecidos entre nós
que compuxestes Labrada en corpo e alma durante tantos anos.
Acompáñate, Daniel,
o espírito do teu pai, da túa nai,
o espírito do recuncho do Carballal,
onde no seo familiar aprendiches formas de vida, cultura aldeá.
Acompáñate tamén
o espírito doce das nosas terras e prados,
o espírito bravo dos nosos montes e dos animais que o enchen,
cos que, coma todos, compartiches esforzos e proveitos.
Acompáñante, Daniel,
o respecto e aprecio, o perdón tamén, dos teus veciños e veciñas
cos que aprendiches e practicaches a gozosa e complexa arte da convivencia,
da necesaria colaboración veciñal.
Acompáñante tamén
o espírito do San Pedro, do Santo Antonio, de Santa María,
pois con eles, en memoria deles, celebraches e gozaches a vida tantas veces.
Acompáñate, Daniel,
o teu espírito aventureiro,
que te levou a emigrar para buscar vida,
e así anchear os límites do teu coñecemento,
e a sensibilidade do teu corazón cara ás persoas que nos visitan como emigrantes.
Acompáñante tamén
todas as persoas amigas que gozaron e fortaleceron a túa amizade,
entre as que orgullosamente me conto.
Acompáñate, Daniel, a sabedoría popular
que se asentou en ti,
que te fixo lúcido, intelixente,
para observar a realidade, para entendela, para contala.
Acompáñante tamén
todas as persoas ás que ti coidaches en vida,
e as que a ti te coidaron: familiares, veciños,
mulleres da lei da Dependencia e da residencia Betania de Viveiro.
Acompáñante, Daniel, por suposto,
toda a túa familia propia,
con nomes e maneiras de ser tan propios e concretos:
Eusebia, Neri, Suso, Susana, Mónica, Chema, Miguel e os neniños Noel e Navia.
Eusebia, Neri, Suso, Susana, Mónica, Chema, Miguel e os neniños Noel e Navia.
E a través de todos estes acompañamentos,
vai contigo tamén o Deus da vida,
que te fixo para a vida,
que te amou ata o extremo na persoa do seu fillo Xesús
e que che abre as portas da vida para sempre.
Grazas, Daniel.
Pasas da parroquia temporal de Labrada á parroquia eterna de Labrada.
Desde o seo de Deus, con Deus, mira por nós,
aléntanos, dános forza
para termar das parroquias que se nos apagan,
para recrealas ao amparo voso, ao amparo de Deus.
E así ata o reencontro final, amigo da alma.
Unha aperta agradecida".
A Daniel Carracedo López, 30 de agosto do 2021.
"Ai, que se nos van os velliños,
que se nos van as velliñas,
coas súas historias longas,
coas súas vidas sufridas!
que se nos van as velliñas,
coas súas historias longas,
coas súas vidas sufridas!
Ai, que se nos foi o Daniel
cunha vida ben cumprida:
morea de anos xa,
hora a hora, día a día.
Cada amencer unha aposta
por unha vida máis digna
entroncada na parroquia,
entroncada na familia.
Tempos recios que viviu,
tempos de grosas fatigas,
que el ben soubo soportar
con humilde valentía.
O amor, a vida, a paciencia,
a man de Deus que o sostiña
foi facendo del un home
de fonda e sabia harmonía.
E o que levaba moi dentro
no seu rostro se lle vía:
un rostro pacificado
na paz máis grande e curtida.
E agora entra gozoso
na grande Paz e Alegría
que Deus rico en todo ben
nos ofrece sen medida.
Pero,
ai!, que se nos van os velliños,
que se nos van as velliñas,
coas súas historias longas,
coas súas vidas sufridas.".
IN MEMORIAN