domingo, 13 de abril de 2014

Labrada no 1936 ...

   
   Labradeses do 36:
 
   As guerras ninguén as gaña, e menos aínda se son entre as xentes da mesma terra. É unha traxedia que un pobo sacrifique a súa xente, o seu presente e o seu futuro por unhas ideas ou por ter poder; ideas e poder que se poñen por enriba do civismo de irmáns.
   Máis abaixo vai un listado dos rapaces; homes que da noite para a mañá se fixeron soldados, sen ninguén preguntarlles. Todos eles serviron no exercito mal chamado "Nacional", xa que "Nacionais" eran os dous bandos. Cada un que saque as súas propias conclusión.

  Jesús Vivero do Barral.

  Manuel Rouco Vivero dos Currás.
  Xesús Rouco Vivero dos Currás.
  Jaime Vivero. Chao do Outeiro.
  Jesús Román. Chao do Outeiro.
  Cándido Rouco do Chao do Outeiro.
  Inocencio Román. Cabeira.
  Cándido López Vidal de Carozo.
  Antonio Coira de Tibián..
  Santiago Coira de Tibián..
  Eduardo Fernández Anello de Tibián.
  Valentín Otero do Pazo. 
  Domingo Díaz do Cordal.
  Blas Verdes Chao do Cordal.
  Amaro do Adriano Cordal
  Horacio de Cas Rego. Lamacide
  Juan Requeijo do Campo dos Novos.
  Gerardo Requeijo do Campo dos Novos.
  Costante Fernandez do Campo dos Novos.
  Manuel de Enrique da Cabeira
  Dositeo da Chiquita do Cordal.
  Ramón de Lestide.
  Manuel das Vigas.
  Eduardo das Vigas.
  Ramón Solmo das Trandeiras
  Valentín dos Agustís do Outeiro
  José dos Agustís do Outeiro
  Manuel do Civil do Outeiro
  Adelino Otero do Outeiro
  Manuel dos Gabries do Carballal.
  José Gómez de Fanoi.
  Jesús do Villagal de Romariz.
  Magín Geada de Romariz.
  Jesús Prieto de Samarugo. 
  Amaro de Adriano.

     Destacar que._

  Gerardo Requeijo foi ferido.
  Amaro de Adriano perdeu un ollo, e por ferido de guerra concedéronlle a cartaría. Cóntase unha anécdota do Amaro que cando volveu da guerra ferido alguén lle dixo que tivera sorte, xa que perder un ollo é moi grave, pero máis é perder a vida; e el respondeu co seu xeito tan galego...
   - Me cago en "tal", se isto é sorte!
  Manuel das Vigas foi Practicante.
  Manuel dos Gabries estivo nas Brigadas Italianas.
  Dositeo da Chiquita era Legionario.
  José Gómez casou para a Cabeira.
  Jesús do Villagal casou para o Cordal.
  Magín Geada casou para Outeiro.
  Jesús Prieto casou para Tibián, na Casa da Tuxa.
 José Otero Otero, José dos Agustís, faleceu na súa casa da Costa da Laxe o día 8 de xaneiro do 1939, por mor dunha enfermidade que contraeu no transcurso da guerra.
  Hoxe, día 6 de Nadal do 2014, o único de todos eles que vive e goza de boa saúde e unha memoria prodixiosa e Jesús Vivero; mais coñecido polo Jesús da Angelita.

                      Jesús Vivero Rivas

                       Gerardo Requeijo.

                         Cándido Rouco Diaz no "Frente"

   O Ramón do Solmo, a dereita, sentado, xunto a outros compañeiros.


 Dúas fotos de Ramón Solmo das Tarandeiras, o meu agradecemento a súa familia. O Ramón despois de todo tivo sorte, estivo destinado nunha carnicería e .... viviu para contalo.

 Labrada tivo vida, medrou e cambiou con outras xentes e noutros tempos, fíxose a si mesma, homes e mulleres, os de aquí e os que se fixeron de aló; pedra a pedra, carballo a carballo, lentamente. Miro para o río Labrada, a súa auga pasou e segue pasando, auga que moveu muíños e pequenas centrais eléctricas, ou calquera outra abondosa fonte e aí seguen, alimentándonos a nós como alimentaron os de antes; temos a responsabilidade ética e moral de coidar o entorno que nos veu nacer e seguir cambiándoa para mellor sen esquecer que somos aldea, xente de aldea, aldeáns do século XXI.

   Lévame a pensar na xente que nos deixou de un xeito dramático, inxusto, lévame a pensar nos homes que certo día dos anos 1936, 37, 38, 39 e incluso posteriores foron chamados a "filas" para loitar contra si mesmos, contra os seus medos, contra os seus amigos, veciños ou outros homes que compartían a mesma terra. Labrada non se librou do padecemento que supuxo o inxusto e infrutuoso "Alzamento Nacional". Fillos de esta terra empuñaron armas, mataron e tamén morreron. Conta o Xesús da Angelita que faleceron en acto de guerra cinco veciños nosos.
   Son os seguintes:
          Laureano Montouto (Laureano do Sende).
          Germán Fernández Vidal, de Curro Vedo.
          Policarpo González Cortiñas do Cordal.
          Víctor López Fernández, do Xuadento.
          Manuel Patricio Coira López da Cabeira.
   O Laureano naceu no Cadramón, casou coa Xusta do Sende e estando casado chamárono a filas, a Xusta o quedar viúva de guerra déronlle o estanco.
   Os seus pais, as súas familias, víronos ir, penados pensaban que quizais, despois de velos marchar pola corredoira, ían, demasiado cedo camiño da morte.
   O meu recordo e recoñecemento para todos eles e as súas familias, que deron o máis valioso que tiñan, a súa vida e o seu futuro para nada. E en especial un recordo e admiración para súas nais.